Soutomaior inicia a reforma do tramo do Camiño de Santiago entre a rúa Portas e Lavandeira

Redacción

O Goberno local impulsará este importante proxecto que permitirá completar a humanización do Camiño de Santiago ao seu paso polo núcleo urbano de Arcade.

O Concello de Soutomaior levará a cabo a reforma do tramo do Camiño de Santiago comprendido entre a rúa Portas e a rúa Lavandeira, completando así a humanización do itinerario xacobeo ao seu paso polo núcleo urbano de Arcade.

Este proxecto será posible grazas a unha subvención do programa PON 2030 da Deputación de Pontevedra. A axuda fora denegada en 2021 por non cumprir, segundo os informes técnicos emitidos naquel momento, os criterios establecidos. Posteriormente, o actual Goberno municipal recorreu a resolución ante os tribunais e obtivo unha sentenza favorable, o que permitiu recuperar este investimento e destinalo á execución da actuación inicialmente prevista.

O orzamento total da obra ascende a 465.000 euros. Deste importe, 436.000 euros procederán dos fondos do PON 2030 da Deputación Provincial de Pontevedra, mentres que os preto de 38.000 euros restantes serán achegados polo Concello de Soutomaior con cargo ao Plan +Provincia 2026-2027.

As actuacións previstas teñen como obxectivo mellorar a seguridade viaria, a mobilidade, a sustentabilidade e a habitabilidade da contorna. O proxecto abrangue o tramo do Camiño de Santiago que vai desde a rúa Portas, á altura do campo da feira de Arcade, ata a rúa Lavandeira e o seu enlace coa N-550.

As obras permitirán realizar unha mellora integral do espazo público, coa renovación dos pavimentos e a implantación de medidas destinadas a reforzar a seguridade e a comodidade dos peóns.

Esta actuación suporá unha importante posta en valor da zona e contribuirá á transformación urbana de Arcade, xerando un espazo máis accesible, atractivo e pensado para as persoas.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que «temos que ser capaces de estender este tipo de actuacións a todo o concello e seguir avanzando cara a un modelo urbano máis amable, máis respectuoso, máis accesible e pensado para as persoas, poñendo en valor a riqueza e a beleza do noso municipio».

Así mesmo, o rexedor sinalou que «a transformación que está vivindo Soutomaior non ten precedentes. Con máis de tres millóns de euros investidos en actuacións no espazo público, estamos ante un momento histórico desde o punto de vista urbanístico, que terá unha repercusión directa na mellora da calidade de vida da veciñanza».

Comparte este artigo