O prazo para a presentación de ofertas permanecerá aberto ata o vindeiro 8 de xullo e a actuación contará cun orzamento base de licitación de 140.151,31 euros.
O Concello de Soutomaior deu un novo paso para facer realidade a humanización da Praza do Souto, no barrio de Moreira, tras a publicación da licitación das obras que permitirán transformar este espazo nun lugar máis accesible, seguro e amable para a veciñanza.
A actuación conta cun orzamento total de 140.151,31 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 8 de xullo de 2026.
O proxecto busca mellorar as condicións actuais da praza, reforzando a seguridade viaria, renovando os pavimentos e ampliando os espazos destinados ás persoas. Ademais, crearase unha contorna máis accesible e agradable, con zonas verdes, espazos de lecer e materiais de calidade que contribuirán a poñer en valor a identidade propia de Moreira.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “a saída da licitación desta obra supón un paso importante para seguir mellorando os espazos públicos dos nosos barrios. Moreira conta cun enorme valor patrimonial e paisaxístico, polo que esta actuación permitirá ofrecer á veciñanza unha praza máis segura, accesible e agradable para desfrutar”.
Esta humanización da continuidade ás melloras realizadas nos últimos anos noutras zonas do barrio, como Fondo de Vila e Ouxil, dentro da aposta municipal por reforzar os núcleos rurais e mellorar a calidade de vida da cidadanía.

