Soutomaior restaurará todas as placas de pedra coa toponimia do concello

adminON
Lectura mínima de 3

O alcalde Manu Lourenzo impulsou este proxecto para poñer en valor a toponimia tradicional dos barrios de Soutomaior e recuperar estas placas, abandonadas durante anos

O Goberno de Soutomaior vén de iniciar os traballos para a restauración de todas as placas de pedra con toponimia existentes no concello. Trátanse de placas serigrafiadas coa toponimia dos barrios, colocadas durante os mandatos do alcalde de Soutomaior Fernando Pereira (1979-1995) e que na actualidade se atopan nun estado de deterioro moi avanzado, debido a que non se levou a cabo ningún labor de mantemento nos últimos anos.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, impulsor do proxecto para a restauración destas placas e a posta en valor da toponimia tradicional dos barrios de Soutomaior, agradeceu o traballo realizado polos traballadores municipais para que “pouco a pouco estes símbolos distintivos do noso concello recuperen o seu lustre”. “As placas levan anos sen recibir ningún tipo de mantemento, polo que se atopan nun alto estado de deterioro, pero pouco a pouco irémolas recuperando”.

En concreto, os traballos consisten no limpado e restauración das placas de pedra e no repintado das serigrafías cos topónimos. O alcalde sinalou que “con este proxecto acabamos coa inxustiza histórica de non poñer en valor a toponimia do noso concello”. Neste sentido, Manu Lourenzo lembrou o traballo feito por Fernando Pereira para recuperar a tradición dos barrios de Soutomaior. “Agora, despois de moitos anos sen mantementos, no Goberno de Soutomaior collemos a testemuña e con este proxecto, dámoslle o cariño que se merece a nosa historia, aos nosos barrios e os seus nomes”.

Por outra parte, o alcalde Manu Lourenzo tamén lembrou que xa se iniciou a segunda quenda de desbroces polos barrios do concello. “Sabemos que é imposible chegar a todos os puntos de Soutomaior de maneira inmediata, pero pouco a pouco iremos chegando a todos os barrios e levaranse a cabo os desbroces e mantementos necesarios. Hoxe Soutomaior é un concello máis limpo e arranxando e seguimos traballando para que se manteña así”.

Comparte este artigo