‘O Nadal das Persoas’ de Soutomaior contou coa participación e implicación do comercio local, de colectivos e asociacións veciñais e culturais, e destacou pola súa clara aposta pola inclusividade e por non deixar a ninguén atrás.
8 de xaneiro. Soutomaior vén de celebrar o Nadal máis participativo da súa historia, cunha programación que durante máis dun mes trouxo actividades todos os días ao noso concello e que levou o Nadal por todos os barrios de Soutomaior. “A valoración destes máis de 30 días non pode ser máis positiva”, asegurou o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, quen sinalou que “o ‘Nadal das Persoas’ demostrou que Soutomaior é un concello non só para residir, senón que para facer vida nel. Antes a veciñanza ía a outros concellos para poder facer actividades, e este ano a xente quedou en Soutomaior porque a oferta de actividades ofreceulles moitísima variedade”.
O ‘Nadal das Persoas’ contou coa participación e implicación activa do comercio local do noso concello, quen a través de diferentes actividades e accións achegou o seu gran de area e viu como se incrementou notablemente a actividade económica no concello. Proba disto é o retorno económico que tivo o Nadal de Soutomaior para o sector hosteleiro e de restauración. Un aspecto que para o alcalde Manu Lourenzo é fundamental. “Nunca participou tanta xente no Nadal en Soutomaior, o noso comercio local, asociacións, persoal voluntario… Por iso é o Nadal das persoas, de todas as persoas que lle queren ao noso concello e que traballan cada día por facer que Soutomaior avance e siga crecendo”.
Outro dos puntos fortes do Nadal de Soutomaior é que por primeira vez este foi inclusivo. O alcalde Manu Lourenzo e a concelleira Rosana Martínez, responsable da área de Benestar Social, traballaron para que a programación estivese adaptada a toda a veciñanza e a todas as persoas que visitaron o noso concello durante este mes, e que todas as persoas, fose cal fose a súa diversidade funcional, puidesen desfrutar do Nadal das Persoas.
Ademais, o Nadal de Soutomaior tamén supuxo unha clara aposta polo deporte e a cultura. No eido deportivo destaca a I San Silvestre de Soutomaior, que reuniu a 500 corredores e corredoras e centos de persoas no centro de Arcade. En canto ao ámbito cultural, o Nadal das Persoas incluíu unha ampla programación que abranguía cinema, literatura e música, entre outros. Así, destacan as sesións vermús con grupos locais e emerxentes da nosa contorna, que deron vida ao centro de Arcade, ou os voluntarios locais que levaron as panxoliñas tradicionais e os cantos de reis aos barrios de Soutomaior.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “a valoración do Nadal en cifras e en sensacións é de que foi un éxito, porque así nolo din os datos e así nolo di a veciñanza. Aínda queda moito por traballar e mellorar, pero temos claro que este foi o mellor Nadal da historia de Soutomaior, polo menos ata que chegue o do ano que vén”.

