O auditorio de Goián volve acoller este sábado 9 de novembro teatro para público adulto ás 21.00 h coa representación de ‘Deadpan Karaoke’. Entradas á venda unha hora antes do espectáculo
Entreter e facer rir ao público con cuestións e dilemas que ocupan ás e aos grandes pensadores contemporáneo. Ese é o obxectivo de ‘Deadpan Karaoke’, o espectáculo co que Ibuprofeno Teatro chega este sábado 9 de novembro ao auditorio municipal de Goián ao abeiro do ciclo para persoas adultas posto en marcha polo Concello para achegar o teatro e o lecer de forma asequible a toda a veciñanza.
Ibuprofeno Teatro chega a Tomiño cun espectáculo unipersonal de carácter participativo co absurdo, a estupidez, a sorpresa, a comedia, a música e o cine como ingredientes principais. Unha obra dirixida por Patricia Rodríguez e con Marián Bañobre sobre o escenario cun personaxe incapaz de sentir e expresar emoción que coas súas accións e grazas á contextualización consegue facer accesibles e divertidas cuestións como vitais da sociedade actual.
A cita será ás 21.00 horas e as entradas para acudir ao espectáculo terán un prezo de 5 euros por persoa. As e os interesados poderán mercar as súas entradas de forma presencial no despacho de billetes do propio auditorio municipal de Goián dende unha hora antes do inicio da obra.