HomePontevedraO Concello reclama un millón de euros a Ponte Caldelas pola distribución...

O Concello reclama un millón de euros a Ponte Caldelas pola distribución de auga potábel ao Polígono da Reigosa

- Anuncio -spot_img

O Concello enviou esta mañá unha comunicación a Ponte Caldelas dándolle un prazo de dous meses para que regularice a situación.

A Xunta de Goberno acordou adoptar medidas contra a empresa adxudicataria do servizo de rozas rurais pola deficiente prestación destes meses. Dende marzo soamente está rozada a parroquia de Salcedo e parte de Lourizán e Marcón.

O Concello de Pontevedra acaba de enviarlle un requirimento ao Concello de Ponte Caldelas comunicándolle a necesidade de regularizar o convenio para a distribución de auga potábel ao Campiño da Reigosa xa que está caducado dende 2020. Dende o primeiro bimestre de 2021, o concello de Ponte Caldelas non paga a auga a Pontevedra e a débeda ascende a 1.086.000 euros.

O asunto foi tratado na Xunta de Goberno local desta mañá da que deu conta o concelleiro de mobilidade e infraestruturas, César Mosquera, quen explicou que o subministro ás actividades industriais non é igual que aos domicilios, xa que esta última non se pode cortar. Sen embargo, no caso do polígono industrial, Pontevedra podería ter que cortarlle a auga ao polígono por imperativo legal.

Ante esta situación, o requirimento dá un prazo de dous meses para que Ponte Caldelas regularice a situación, tanto resolvendo a cuestión do impago como a situación de futuro, xa que non está no ánimo do goberno da capital cortar a auga ás empresas situadas no Polígono da Reigosa.

Contrato de rozas rurais

Por outro lado, o concelleiro tamén informou de que a Xunta de Goberno tratou o deficiente servizo que está a prestar a empresa adxudicataria do servizo de rozas do rural. Trátase de Audeca, que pertence ao grupo Elecnor e que gañou o concurso público cunha oferta de preto de medio millón de euros.

César Mosquera explicou que o Concello xa mantivo conversas en múltiples ocasións coa empresa advertíndolle de que o traballo que estaba a realizar non era o que figuraba nos pregos de adxudicación e, en moitos casos, estaba a certificar traballos que non realizara.
A pesar das advertencias municipais, a empresa continúa coas mesmas prácticas polo que a Xunta de Goberno acordou que se inicien todas as medidas que sexan necesarias dende sancións ou penalización até rescisión do contrato, si se puidera.

Os traballos de roza empezaron no mes de marzo e nestes momentos realizouse a parroquia de Salcedo e parte da de Marcón e Lourizán. A intención do Goberno local era ter rematado a primeira roza das parroquias no mes de xullo e, inmediatamente, comezar coa segunda conseguindo así dúas pasadas ao ano, tal e como estaba planificado.

Renaturalización do río dos Gafos

O concelleiro tamén explicou que o Concello recibiu onte a autorización de Augas de Galicia para executar a renaturalización do río dos Gafos, polo que xa se iniciará en breve a tramitación administrativa municipal para sacar a licitación o proxecto, mentres se obtén o visto bo da Fundación Biodiversidade aos pregos.

Publicacións Relacionadas