A inscrición está aberta até o sábado 7 ás 12 h. O primeiro premio está dotado con 1000€
O domingo 8 de novembro as rúas e prazas de Tui encheranse de artistas de todas as idades que retratarán os recunchos, os detalles e as panorámicas da cidade na décimo primeira edición do Concurso de Pintura ao Aire Libre “Pinta Tui”. O obxectivo do certame é promover e achegar a arte e a cultura á veciñanza, turistas e visitantes e incentivar a dinamización turística do municipio.
Este evento está organizado por Artes Creativas Efectos, contando co patrocinio do Concello de Tui e Xenera, coa colaboración de ACITUI, e doutros establecementos comerciais tudenses.
A inscrición está aberta até o sábado 7 ás 12 h podendo realizarse presencialmente na Oficina de Turismo ou a través dos correos electrónicos turismo@tui.gal, efectostui@hotmail.com ou acitui@acitui.es cubrindo o boletín de inscrición.
Poderán participar artistas nacionais ou estranxeiros, que con estilo e técnica libre, deberán plasmar, in situ, o domingo 8 de novembro, a súa obra sobre Tui realizada en lenzo ou outro soporte, que no caso de ser papel deberá presentarse sobre taboleiro, DM, cartón pluma ou similar nun tamaño mínimo de A3. A categoría infantil poderán realizar a obra en A4. Previo ao comezo do concurso os soportes serán selados entre as 9.30 h e ás 10.30 h na Oficina de Turismo de Tui, e o certame dará comezo ás 10 h. As bases completas que rexen esta décimo primeira edición de Pinta Tui pódense consultar en tui.gal.
A concelleira de Turismo de Tui, Ana Núñez, destaca a contribución que este certame realiza á promoción turística da cidade tanto polo importante número de persoas que cada ano participan no concurso como tamén pola difusión que coas súas obras realizan do patrimonio natural e histórico tudense. Convida a concelleira a todas as persoas que gusten do debuxo e a pintura a participar nesta iniciativa que ano a ano crece en participación e calidade, contando con atractivos premios.
Así na categoría de maiores de 18 anos establécese un primeiro premio de 1000 € e menú para dúas persoas en La de Manu e un servizo de Blackbird Barber Concept. O segundo premio estará dotado con 700€ e un menú para dúas persoas no Restaurante El Molino; un terceiro premio de 500€ no Restaurante O vello Cabalo Furado, un cuarto premio de 300€ en material e pintura e un menú para dúas persoas en Puro Sabor; un quinto premio de 200€ en material de pintura e menú para dúas persoas en Viños e Tapas, e un sexto premio de 100€ en material de pintura e un menú en O Albergue Tapería. A obra que obteña o primeiro premio pasará a ser propiedade do Concello de Tui.
Na categoría de 12 a 17 anos haberá tres premios. Un primeiro de 300€ en material de pintura, un almorzo para dúas persoas en Pancho 3.0, e un servizo en Blackbird Barber Concept. O segundo premio constará de 200€ en material de pintura e un brunch para dúas persoas en Ideas Peregrinas, e o terceiro premio será de 100€ en material de pintura e un agasallo de Academia EIS.
Xa por último todos os nenos e nenas participantes menores de 11 anos recibirán un obsequio xentileza de Gominolas Nitos e Efectos. Amais establécense cinco premios. O primeiro premio de 100€ en material de pintura, un cono xigante de Gominolas Nitos e un menú para dúas persoas en Santa Columba Cafetería; un segundo premio de 80€ en material de pintura e unha cesta de lambetadas de Gominolas Nitos, e unha merenda en Crep da Pía; o terceiro premio será 50€ en material de pintura e unha cesta de lambetadas de Gominolas Nito e un almorzo en Pancho 3.0; o cuarto premio será 30€ en material de pintura, unha cesta de lambetadas de Gominolas Nito e un almorzo ou merenda de Óscar Romero, e por último o quinto premio será de 20€ en material de pintura, unha cesta de lambetadas de Gominolas Nito e un agasallo de Efectos.
A entrega dos premios terá lugar o mesmo domingo, 8 de novembro, ás 20 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela tras a deliberación do xurado.
As bases completas do concurso pódense consultar en tui.gal.

