Os interesados deben anotarse nun formulario web en www.nigran.es ata o venres 31 de xullo ás 12:00 horas
Entre tódolos participantes sortearase un kayak e os premiados levarán cadansúa cesta de froitas e agasallos sorpresa. O evento cambia de ubicación, con saída desde a rampa da Foz e concerto posterior no escenario ao aire libre de ‘Stoned at Pompeii’
O Concello de Nigrán pecha este venres 31 de xullo ás 12:00 horas o prazo de inscrición para participar na xa tradicional concentración de “artefactos flotantes” chamada ‘Flota Como Poidas’, que terá lugar o domingo 2 de agosto ás 18:00 horas no Río Miñor. Os interesados deben anotarse no formulario web do Concello en www.nigran.es. Finalmente, a saída do evento trasládase de ubicación, comezando na rampa da Foz (rúa Foz número 12, ao carón do escenario ao aire libre). A recollida de dorsais será neste punto de saída o mesmo día de 16.30 a 17.30 horas. Entre tódolos participantes sortearase un kayak e os premiados levarán cadansúa cesta de froitas e o seu diploma e agasallo sorpresa.
O Concello recorda que é obrigatorio o uso de chaleco salvavidas, correndo a cargo de cada participante. Coma sempre, premiarase o artefacto flotante máis ‘currado’ e máis cutre, a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e máis novo e o clásico galardón “Titanic” para o primeiro que afunda.
O hilarante evento rematará co concerto de ‘Stoned at Pompeii’ ás 19:30 horas no escenario ao aire libre da Foz e finalmente non terá lugar o mercado de oportunidades ‘Portobelo’ organizado por Ovalmi.

