A psicóloga Rosalía Campos afondará sobre a dependencia emocional nunha charla este xoves 28 no restaurante As Brasas
A dependencia emocional é unha realidade que afecta a moitas persoas e que pode ter graves consecuencias no benestar emocional e nas relacións interpersoais. Un tema delicado e moi de actualidade que o Concello do Rosal quere poñer de relevo na vindeira cita dos ‘Cafés en Igualdade’ co gallo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A psicóloga Rosalía Campos, de Adamia Psicoloxía, afondará co público este xoves 28 de novembro sobre as relacións tóxicas e a dependencia emocional nunha charla na que ofrecerá claves para recoñecer estas situacións, comprendelas e afrontalas. Será nunha charla de balde e aberta a todos os públicos a partir das 17.30 horas no restaurante As Brasas, na Paradela.
Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “estas iniciativas son esenciais para avanzar como sociedade. A dependencia emocional pode ser un dos factores que agravan situacións de desigualdade e incluso que poden desembocar en violencia e falar sobre ela dende un enfoque profesional e accesible é un paso fundamental”.
O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2023-2024.