Arredor de 150 persoas participaron esta mañá na concentración convocada pola comisión de seguimento da N-550 diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para reclamar actuacións urxentes que melloren a seguridade viaria e o estado de conservación da estrada nacional ao seu paso polo municipio de Mos.
A mobilización estivo encabezada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto aos representantes das asociacións veciñais Santa Baia, Chan do Bosque, Ledicia de Sanguiñeda e A Cividade, integrantes da comisión de seguimento da N-550 e numerosos veciños e veciñas.
Durante a concentración, os asistentes volveron reclamar ao Goberno de España que atenda dunha vez as reiteradas peticións trasladadas desde o Concello de Mos e execute as actuacións necesarias para garantir a seguridade nesta infraestrutura. Entre as principais demandas figuran a transformación en travesía urbana dos tramos de Sanguiñeda e de Mos, a remodelación da intersección de Louredo para mellorar os accesos aos barrios de Pombal, Pantaño e San Gregorio, a reparación do firme en Amieirolongo, a mellora da sinalización horizontal, o acondicionamento de beirarrúas e marxes, así como a limpeza integral de cunetas e zonas invadidas pola vexetación.
A pesar das reiteradas solicitudes de reunión formuladas nos últimos meses, ningún representante da Subdelegación do Goberno recibiu aos integrantes da comisión ao remate da concentración. A comisión lamenta tamén a ausencia de representantes locais do PSOE na mobilización, malia formar parte da comisión de seguimento creada para defender unha reivindicación compartida por todo o municipio.
Os integrantes da comisión consideran inaceptable o silencio que manteñen o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e a Subdelegación do Goberno ante unha problemática que afecta diariamente á seguridade de milleiros de condutores, peóns e peregrinos que transitan pola N-550 ao seu paso por Mos.
Ante esta falta de resposta, a comisión acordou continuar intensificando as mobilizacións e anunciou que a seguinte acción reivindicativa consistirá nun corte da estrada N-550, cuxa data será comunicada proximamente.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, agradeceu a ampla participación veciñal e asegurou que “hoxe Mos deu un exemplo de unidade e responsabilidade. Viñemos a Pontevedra de forma pacífica para reclamar algo tan básico como a seguridade dunha estrada pola que pasan cada día milleiros de persoas”.
Arévalo lamentou que “unha vez máis, o Goberno de España opte polo silencio. Nin despois de anos de reclamacións, nin tralos numerosos escritos remitidos polo Concello, nin despois da aprobación da moción no Senado, nin hoxe, cando máis de 150 persoas nos desprazamos ata a Subdelegación do Goberno, atopamos vontade de diálogo”.
A rexedora cualificou de “incomprensible” que “ningún representante do Estado considerase oportuno recibir a unha comisión que representa aos veciños, ás asociacións e ao Concello de Mos para escoitar unhas reivindicacións que teñen como único obxectivo mellorar a seguridade viaria”.
Finalmente, advertiu de que “sempre apostamos polo diálogo e pola colaboración entre administracións, pero non imos resignarnos ao silencio. Se o Estado segue mirando para outro lado, continuaremos coas mobilizacións ata conseguir que a N-550 reciba as actuacións que leva anos precisando. A seguridade dos nosos veciños non admite máis demoras”.

