HomePontevedraBaixo MiñoA Deputación leva este domingo o teatro ao Rosal e a Soutomaior...

A Deputación leva este domingo o teatro ao Rosal e a Soutomaior a través do circuíto +Escénicas

- Anuncio -spot_img

No Rosal representarase “A tarabela ambulante: idea” ás 18:00 na Praza do Calvario, e en Soutomaior “Castelao” á mesma hora no Multiúsos de Arcade

+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 25 de maio o circuíto +Escénicas aos concellos do Rosal e de Soutomaior da man de dous espectáculos infantís e familiares: “A tarabela ambulante: idea”, a cargo de Tarabela Creativa, e “Castelao”, promovido por Culturactiva Producións, respectivamente. Trátase de dúas actuacións enmarcadas na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

“A tarabela ambulante: Idea” representarase na Praza do Calvario ás 18:00 horas e afonda en que pasaría se deixásemos entrar ao aburrimento, se os nenos non tiveran nin pantallas nin xoguetes e non houbera nada concreto que facer: que as súas mentes poñeríanse a buscar. A función conta a historia de Mariña, unha nena que grazas ao aburrimento se converte en Idea. O seu pensamento ten a forma dunha tarabela de cores, e cada vez que xira vánselle ocorrendo ideas mentres xoga. O espectáculo transmite que o aburrimento é un ben necesario na educación da infancia, pois é un caldo de cultivo para a súa creatividade, para aprender a estar consigo mesmos e un impulso prosocial.

“Castelao” representarase no Multiúsos de Arcade tamén ás 18:00 horas e ambiéntase nas horas antes de que Castelao partise desde Rianxo cara á Arxentina cando tiña só nove anos. Da man de Baltasara (unha personaxe misteriosa pero moi coñecida por toda a veciñanza da vila natal de Castelao) comezará un percorrido emocionante, condicionado pola urxencia e a inminencia da viaxe. Durante o espectáculo, protagonizado por Mónica Caamaño e Cris Collazo, o neno Castelao debe resolver co seu enxeño e dialéctica os misterios da vila mariñeira.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril deste ano e marzo do seguinte representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

Publicacións Relacionadas