Os catro percorridos terán lugar o sábado 27 de abril e permitirán á cidadanía coñecer catro sidrerías singulares da Estrada
A Deputación de Pontevedra esgotou en tan só uns minutos as 140 prazas para participar nas “Rutas das Maceiras en Flor”, a iniciativa turística que, a través de catro percorridos, permitirá o vindeiro sábado 27 de abril coñecer catro sidrerías singulares da Estrada (Rabiosa, Peroja, Ribela e Camino), concello líder na produción de mazá ecolóxica. A Deputación conta, ademais, cunha longa lista de agarda de persoas interesadas, polo que as inscricións xa están pechadas.
Todas as rutas comezarán visitando a plantación de Callobre e a sobreira de Valiñas, un exemplar duns 300 anos de antigüidade situado no Pazo de Valiñas, cunha altura aproximada de 22 metros e un dos máis importantes desta especie en toda Galicia. Ao finalizar a visita á plantación, será o momento de coñecer unha das catro sidrerías participantes, na que se poderá desfrutar, ademais, dunha cata degustación de produtos.
As visitas inclúen, ademais, o traslado en autobús desde Pontevedra (con saída e chegada desde a capela de San Roque), pero as persoas que o desexen tamén se poderán desprazar pola súa conta ata o punto de encontro.