Pleno de Cerdedo Cotobade tratará este xoves a moción do BNG para renomear a rúa Manuel

Redacción

Gutiérrez Torres, como Antonio Sueiro Cadavide, último alcalde republicano de Cerdedo

Ernesto Filgueira insta a Cubela a cumprir o acordo plenario de eliminación dos vestixios franquistas do espazo público de Cerdedo


Cotobade, retirarlle o nome de Manuel Gutiérrez Torres á rúa e renomeala como Antonio Sueiro Cadavide

O pleno ordinario da corporación debaterá este xoves ás 12.30 h. a moción do BNG para homenaxear ao último alcalde republicano de Cerdedo, substituíndo a rúa Manuel Gutiérrez Torres (alcalde franquista e xefe da Falanxe de Cerdedo entre os anos 1959 e 1954 e entre 1958 e 1965) por rúa Antonio Sueiro Cadavide (último alcalde republicano do concello).

Trátase, en palabras de Ernesto Filgueira, de “devolverlle a dignidade ao noso rueiro, e facer xustiza.
Non pode ser que homenaxeemos cunha rúa a unha persoa significada no apoio ao alzamento fascista e na represión contra os nosos veciños e veciñas, (como atestiguan as investigacións dos historiadores Dionisio Pereira e Calros Solla) en vez de honrar a quen traballou pola democracia”.

O portavoz nacionalista, lembra que o golpe militar do 18 de xullo contra o réxime democrático vixente no estado español tivo como consecuencia na Galiza unha cruenta e brutal represión ao longo dos anos da guerra e durante todo o período da ditadura franquista. Unha represión que tivo múltiples manifestacións: depuracións laborais, sancións económicas, espolio de bens, persecución ideolóxica, acoso e exclusion social… e Cerdedo Cotobade ben sabe de todo o descrito, especialmente nas terras de Cerdedo.

A imposicion violenta da ideoloxía, da moral, da educacion e dos valores franquistas afectou a toda a sociedade e os seus efectos prolónganse no tempo máis alá de 1975. Para o BNG é unha obriga das institucións ter un posicionamento claro de condena do golpe de estado do 36, da ditadura franquista e da brutal represión que sufriron miles de galeg@s, entre eles veciños de Cerdedo Cotobade ao longo deste terríbel período histórico. “Levamos anos tentando que o PP local ao frente do goberno municipal cumpra co aprobado a proposta do BNG no pleno en 2021 no que se lle esixía a eliminación de toda a simboloxía de exaltación da ditadura franquista no concello, máis o PP de Jorge Cubela segue a incumprir intencionamente este acordo”, lembrou Ernesto Filgueira.

Para o BNG é fundamental pór en valor a memoria do último alcalde Republicano de Cerdedo, Antonio Sueiro Cadavide, en tres períodos xuño 1931-decembro 1932, abril 1933- outubro 1934, desde febreiro de 1936 (despois da vitoria da Frente Popular) até o golpe de Estado. Antonio tamén fora detido, procesado e encarcerado, xunto con outros compañeiros, acusado de ter participado ou organizado actos en Cerdedo relacionados coa Revolución de outubro de 1934.

Sueiro foi labrego, canteiro, carpinteiro e gaiteiro. Emigrou aos Estados Unidos durante a década de 1920. Militante do agrarismo desde antes da II República, presidíu e Sociedade de Agricultores e Obreiros de Lourido e fundou a Sociedade de Recreo e Instrución de Limeres, dedicada á educación e á cultura. Foi militante de Izquierda Republicana.
Compre lembrar que rúa co nome do alcalde falanxista é relativamente recente, xa que foi na primeira metade da década de 1990, cando cos votos do PP se acordou darlle á rúa o nome dese fascista. Mais en abril de 2006, e por unanimidade, a corporación municipal decide retirar o seu nome do rueiro, aínda que 8 meses despois, o 15 de decembro, o PP revocou o acordo plenario mantivo o nome de Manuel Gutiérrez, co voto en contra do BNG e a abstención do PSOE.
“Desde o BNG agardamos que esta vez si, Cubela cumpra coa súa obriga, elimine os múltiples vestixios da ditadura que están presentes aínda no noso concello, e renda a merecida homenaxe aquelas persoas demócratas que, como Antonio Sueiro Cadavide, sufriron nas súas carnes a represión do réxime da franquista. Trátase dun acto de xustiza e reparación”, concluíu Ernesto Filgueira.

Comparte este artigo