A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés colabora mañá en colaboración con AECC o Día Mundial sen Tabaco 2024 con varias iniciativas de concienciación

adminON
Lectura mínima de 7
  • Haberá instaladas mesas informativas nos tres hospitais e nunha decena de centros de saúde, nas que o persoal sanitario e voluntariado da Asociación Española contra o Cancro animarán a deixar de fumar
  • O salón de actos do Hospital Montecelo acollerá a partir das 13 horas un ciclo de charlas nas que participarán profesionais expertos e pacientes que relatarán as súas experiencias na deshabituación tabáquica

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, en colaboración co voluntariado da Asociación Española contra o Cancro (AECC), celebrará mañá, venres 31 de maio, o Día Mundial sen Tabaco 2024 cunha serie de iniciativas que pretenden concienciar sobre os beneficios de deixar de fumar, e sobre todo, previr o seu consumo entre a poboación máis nova e advertir das estratexias comerciais da industria do tabaco, xa que este ano a campaña da Organización Mundial da Saúde (OMS) ten por lema “Protexer á mocidade da interferencia da industria tabaqueira”.

A toma de contacto máis directa coa poboación será a través da instalación de mesas informativas con cartelaría e folletos nos tres hospitais da Área Sanitaria e nunha decena de centros de Atención Primaria. O persoal voluntario da AECC estará presente ao longo da mañá nas mesas de Montecelo, Provincial e O Salnés, así como nos centros de saúde de A Parda e Virxe Peregrina, na cidade de Pontevedra; Bueu, Marín, Baltar-Portonovo en Sanxenxo, e O Grove. Así mesmo, será o propio persoal sanitario o encargado de informar aos usuarios nas mesas instaladas nos centros de Lérez, Anafans-Poio, Caldas de Reis e Vilaboa.

Tamén salientar que, de xeito simbólico, no Hospital Montecelo haberá unha canastra para que as persoas que o desexen poidan tirar e tratar de encestar o seu paquete de tabaco nela, e así liberarse do xugo que supón esta adicción para as que a sofren.

Sesión informativa no Hospital Montecelo

A celebración do Día Mundial sen Tabaco 2024 incluirá tamén unha sesión informativa no salón de actos do Hospital Montecelo, a partir das 13 horas, onde primeiro se impartirán tres ponencias por parte de profesionais expertas.

A enfermeira Rocío Rozas, da Unidade de Rehabilitación Cardíaca do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), falará da “Prevención Primaria. Perspectiva de futuro”; Dolores Andújar Rogel, técnica de Prevención da AECC, centrará a súa ponencia no “Papel da AECC na prevención do tabaquismo”; e finalmente a doutora Victoria Aldea Míguez, da Dirección Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra, falará do “Programa Galego de Promoción de Vida sen Tabaco”.

Haberá unha segunda parte titulada “Experiencias dos nosos pacientes” e contará coa participación de catro pacientes exfumadores das consultas de Pneumoloxía e Rehabilitación Cardiaca do CHUP, que estará moderada pola pneumóloga Guadalupe González Valladares. A continuación, establecerase un coloquio aberto a preguntas.

Principal causa de morte evitable no mundo

O tabaquismo supón na actualidade a principal causa de morte evitable no mundo e está implicado na mortalidade por enfermidade coronaria, enfermidade cerebrovascular, arteriopatía periférica ou neoplasias de distintos órganos. O tabaco é o único produto de consumo que dana a todas as persoas expostas e que mata á metade dos que o consumen, por enfermidades relacionadas con él; ademais tamén afecta ás persoas expostas ao fume do tabaco, aínda que non sexan fumadoras.

Datos sobre as consecuencias do tabaco

En Europa causa cada ano 1,2 millóns de mortes, e máis de 50.000 en España, preto de 3.000 deles en Galicia (máis que os accidentes de tráfico e o consumo de de drogas ilegais xuntos). É a causa de máis do 90% da enfermidade pulmonar obstructiva crónica -a EPOC ten unha elevada prevalencia xa que afecta ao 11% da poboación-. Tamén é responsable do 95% dos casos de cancro de pulmón -ademais de estar relacionado con outros 20 tipos máis de cancro-, do 50% das mortes por enfermidades cardiovasculares, e está directamente relacionado con outras múltiples patoloxías.

A inmensa maioría dos fumadores galegos ten coñecemento de que o tabaco é prexudicial -declárano o 90,7 % dos homes fumadores e o 93,6% das mulleres- e arredor do 70% querería deixar de fumar. Así mesmo, respecto ao cigarro electrónico, coma no resto de España, a tendencia é ascendente en Galicia, recoñecendo un consumo polo menos unha vez o 12,1 % dos maiores de 15 anos, dos que o 13,6% son homes e o 10,7% son mulleres. En máis do 75% dos casos estes cigarros contiñan nicotina.

Situación urxente en adolescentes

A situación é especialmente urxente en adolescentes, a maioría nacidos xa tras a Lei de 2005 de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo. Os mozos galegos entre 14 e 18 anos recoñecen consumir tabaco no último mes nun 23,2 % -23,1 % dos homes e 23,3 das mulleres-. Case o 20% dos nenos de 14 anos recoñeceu fumar no último ano e o 44% dos de 18 anos; nambos casos, máis as mulleres que os homes. O 38,1 % dos galegos destas idades recoñeceu usar algunha vez o cigarro electrónico. O 40% veu fumar a profesores dentro do recinto escolar e o 60% a outros alumnos.

Dende o Servizo de Pneumoloxía do CHUP lembran que na actualidade se está a traballar a nivel estatal no Plan Integral de Control de Tabaquismo, con medidas dirixidas a conseguir unha xeración libre de fumes e, neste sentido, o Reino Unido é o primeiro país en dar ese paso coa aprobación, o pasado mes de abril, dunha lei que prohibe a venda de produtos derivados do tabaco as persoas nacidas a partir do 1 de xaneiro de 2009.

Comparte este artigo