HomeXunta de GaliciaA Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e a AECC aletan...

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e a AECC aletan no Día Mundial sen Tabaco 2025 do aumento do consumo de nicotina entre a xuventude

- Anuncio -spot_img

― Baixo o lema “Desenmascaremos o seu atractivo: as tácticas da industria cos produtos de tabaco e nicotina ao descuberto” mañá venres haberá instaladas mesas informativas nos tres hospitais e nunha decena de centros de saúde, nas que o persoal sanitario e voluntariado da Asociación Española contra o Cancro animarán a deixar de fumar


― O tabaquismo xa se cataloga coma enfermidade crónica adictiva que se inicia na infancia, pois os primeiros consumos inícianse arredor dos 10 anos, cunha media de inicio aos 14,1 anos, sendo a primeira substancia psicoactiva que se consume

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, en colaboración co voluntariado da Asociación Española contra o Cancro -AECC- celebrará o vindeiro sábado 31 de maio o Día Mundial sen Tabaco 2025 cunha serie de iniciativas para concienciar dos beneficios de deixar de fumar, previr o consumo entre a poboación máis nova e advertir das estratexias comerciais da industria do tabaco. Este ano a campaña da Organización Mundial da Saúde -OMS- ten por lema “Desenmascaremos o seu atractivo: as tácticas da industria cos produtos de tabaco e nicotina ao descuberto”.

Dito lema, adoptado pola Xunta de Galicia, alíñase coa campaña global da OMS para 2025 que contempla expoñer as estratexias que utilizan as industrias do tabaco e a nicotina para facer que os seus produtos resulten atractivos, especialmente para a xuventude. Estas tácticas inclúen o uso de sabores intensos, empaquetados coloridos e campañas de márketing.

Mesas informativas en centros da Área
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés instalará mañá venres mesas informativas con cartelaría e folletos nos tres hospitais e nunha decena de centros de Atención Primaria. O persoal voluntario da AECC estará presente ao longo da mañá nas mesas de Montecelo, Provincial e O Salnés, así coma nos centros de saúde de A Parda e Virxe Peregrina, na cidade de Pontevedra; Bueu, Marín, Baltar-Portonovo en Sanxenxo, e O Grove. Así mesmo, será o propio persoal sanitario o encargado de informar aos usuarios nas mesas instaladas nos centros de Lérez, Anafans-Poio, Caldas de Reis e Vilaboa.

Segundo sinalan desde o servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o tabaco é o único producto de consumo que dana a todas as persoas expostas e que mata á metade delas por enfermidades relacionadas co seu consumo; ademais tamén dana ás persoas expostas ao fume do tabaco, aínda que non sexan fumadoras.

Enfermidade crónica adictiva
O tabaquismo xa se cataloga coma unha enfermidade crónica adictiva, que se inicia na infancia, dado que os primeiros consumos inícianse arredor dos 10 anos, cunha media de inicio aos 14,1 anos, sendo a primeira substancia psicoactiva que se consume.

É a primeira causa evitable de enfermidade, invalidez e morte. Evitar o seu consumo é a actividade sanitaria con mellor relación custo/beneficio que se coñece. En Europa causa cada ano 1,2 millóns de mortes e máis de 50.000 en España, preto de 3.000 deles en Galicia -máis que os accidentes de tráfico e o consumo de drogas ilegais xuntos-.

O tabaco causa de máis do 90% da enfermidade pulmonar obstructiva crónica -a EPOC é unha enfermidade cunha elevada prevalencia xa que afecta ao 11% da poboación-. Tamén é responsable do 95% dos casos de cancro de pulmón -ademais de estar relacionado con outros 20 tipos máis de cancro-, do 50% das mortes por enfermidades cardiovasculares e está directamente relacionado con outras múltiples patoloxías.

Aumento preocupante do consumo entre adolescentes
Aínda que o tabaquismo tradicional diminuíu nas últimas décadas, os novos dispositivos coma os cigarros electrónicos, vapeadores e produtos de tabaco quentado están a gañar terreo entre os adolescentes e mozos adultos. Segundo a Enquisa sobre Alcol e outras Drogas en España IDADES 2024, en Galicia observouse unha diminución no consumo diario de cigarros tradicionais entre a poboación de 15 a 64 anos, situándose nun 25,2%. Unha porcentaxe que reduce as cifras de anos anteriores, onde un tercio da poboación recoñecía fumar a diario.

No que atinxe ao consumo de cigarros electrónicos, a Enquisa IDADES 2024 revelou que o 19% da poboación española de 15 a 64 anos consumiu estes dispositivos algunha vez, sendo máis prevalente entre os homes -cun 20,3%- que entre as mulleres -un 17,7%-. O grupo de idade con maior prevalencia é o de 15 a 24 anos. Ademais a porcentaxe do 19% é superior ao obtido en 2022 (12,1%) e case o dobre (10,5%) de 2020

No caso específico de Galicia, a Enquisa Estatal sobre Uso de Drogas en Ensinos Secundarios ESTUDES 2023 revelou que o 38,1% dos mozos de 14 a 18 anos utilizou cigarros electrónicos algunha vez, e o 23,2% fumou tabaco convencional no último mes. Estes datos reflicten unha tendencia preocupante no consumo de nicotina entre os adolescentes galegos, cunha idade media de inicio no consumo de tabaco dos 14,2 anos.

Relevancia da prevención e a concienciación
A pneumóloga do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés Guadalupe Valladares subliña que “desde o sistema sanitario público imos continuar coas campañas de prevención e concienciación sobre os riscos asociados ao consumo de tabaco e cigarros electrónicos, especialmente entre a poboación nova”.

Publicacións Relacionadas