A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés impulsa Ostogym plataforma multidisciplinar de rehabilitación e deporte adaptada a pacientes ostomizados

Redacción
  • Este proxecto sitúa ao doente no centro, cunha estratexia integral coordinada polo servizo de Uroloxía, a Enfermaría Estomaterapeuta do CHUP e o adestrador Samuel Fariña, co soporte de Coloplast
  • O urólogo do CHUP pontevedrés Juan González Dacal sinala que o exercicio forma parte crucial da recuperación física e emocional, baixo o modelo científico de prehabilitación e programas ERAS

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta desde este verán con Ostogym, a primeira plataforma dixital de deporte deseñada especificamente para persoas ostomizadas. Esta ferramenta multidisciplinar busca fomentar a actividade física segura, adaptada e accesible para mellorar a calidade de vida e a autonomía deste colectivo, desterrando os temores habituais que xorden tras a cirurxía.

O xerme desta iniciativa remóntase ao ano 2022, cando as profesionais da área sanitaria detectaron unha necesidade asistencial clara. Tal e como explica Ana María Bello, enfermeira estomaterapeuta do Hospital do Salnés “decatámonos de que podiamos ir un paso máis alá. A guía era unha ferramenta moi útil para ofrecer información e recomendacións, pero moitos pacientes demandaban recursos máis visuais, accesibles e adaptados as súas necesidades individuais. Así naceu Ostogym”, unha plataforma que ofrece programas adaptados para gañar autonomía. “Cando un doente entende que pode facer actividade física de xeito adaptado e aprende como realizala correctamente,mellora o seu benestar físico e emocional”, engade Ana María Bello.

A plataforma Ostogym conxuga a práctica física adaptada co rigor científico. O doutor Juan González Dacal, especialista en Uroloxía do CHUP pontevedrés, salienta que “o máis bonito deste proxecto é que pon ao paciente no centro e reúne profesionais de diferentes ámbitos cun mesmo obxectivo: que a persoa recupere a súa vida do mellor xeito posible”. Este facultativo subliña que dende a Uroloxía encárganse de supervisar a evolución e resolver dúbidas médicas, engadindo que “mellorar a condición física, a alimentación e os hábitos de vida antes da intervención tradúcese nunha recuperación máis rápida e con menos complicacións” baixo a filosofía do modelo científico de prehabilitación e programas ERAS.

Enfoque integral contra os mitos

Así mesmo, a enfermeira estomaterapeuta do Complexo pontevedrés María Cruz Gago Ferreiro lembra que a guía permitiu ofrecer recomendacións baseadas na evidencia científica e transmitir unha mensaxe clara: que “a actividade física, cando se realiza de forma adecuada e progresiva, non só é posible, senón tamén altamente beneficiosa”.

Para dar soporte práctico, o director técnico e adestrador do proxecto Ostogym, Samuel Fariña, lembra que “aínda que un paciente cunha ostomía leva una bolsa, coa que non pode efectuar certos exercicios que poidan dañala e tamén afectar ao estoma, e tampouco pode realizar cargas elevadas polo risco dunha hernia estomacal, sí que pode efectuar os exercicios específicos deste proxecto, pois están pautados para que adestren con total tranquilidade”.

Pola súa banda, o urólogo do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés Juan González Dacal tamén aborda os medos clínicos comúns na consulta, coma o temor a que a bolsa se desprenda, haxa fugas ou se sufra unha hernia periostomal. “A realidade é que, cunha recuperación adecuada e seguindo as recomendacións dos profesionais sanitarios, a maioría das persoas ostomizadas poden volver realizar actividade física con seguridade”, explica, incidindo en que o exercicio axuda a recuperar a mobilidade e a independencia funcional.

Unha ostomía non debe impedir levar unha vida activa

Finalmente, para as persoas en fase postoperatoria que asumen que non poderán retomar o deporte, o urólogo Juan González Dacal trasládalles unha mensaxe de esperanza. “Unha ostomía cambia algúns aspectos da vida, pero non debe impedir levar unha vida activa, saudable e plena. Pouco a pouco, e de xeito progresivo, a maioría dos pacientes poden volver camiñar, correr, nadar, montar en bicicleta, facer ximnasio e incluso practicar deportes de alta intensidade. Se tivera que resumilo nunha frase, a ostomía cambia o xeito de vida nalgunhas cousas, pero non debe limitar a posibilidade de vivir plenamente”, remarca.

O proxecto Ostogym conta co soporte corporativo de Coloplast, integrando a promoción da saúde na contorna asistencial diaria.

Comparte este artigo