A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés inicia a implantación de Intelixencia Artificial para informar algunhas radiografías simples

adminON
Lectura mínima de 5
  • Na primeira fase, o algoritmo informático está validado para analizar a maioría do sistema músculo-esquelético. Ao longo do ano incorporaranse o estudo das placas da columna dorsal e lumbar e, finalmente, das de tórax
  • Esta ferramenta ten un valor preditivo negativo superior ao 99%, o que quere dicir que descarta cun alto nivel de fiabilidade as probas negativas ante a sospeita de fracturas, luxacións e derrames
  • Na actualidade, realízanse arredor de 12.000 radiografías ao mes no centros do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, e unhas 4.500 mensuais no Hospital do Salnés

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés iniciou onte a implantación por fases dun software informático baseado na Intelixencia Artificial que permitirá informar en cuestión de minutos algunhas radiografías óseas simples, tras estudar a imaxe ante a sospeita diagnóstica de fractura, luxación ou derrame. Fiabilidade, acerto elevado, garantía na clínica, e aforro de tempo, co consecuente beneficio para o paciente, son algunha das vantaxes desta ferramenta.

Nesta primeira fase de funcionamento, o algoritmo está validado para actuar no ámbito músculo-esquelético, con excepción das radiografías de columna dorsal e lumbar, as cales se incorporarán ao programa nun prazo estimado de 4 ou 5 semanas. Posteriormente, nunha terceira fase prevista para o outono, esta Intelixencia Artificial fará diagnósticos nas placas de tórax. Na actualidade, realízanse arredor de 12.000 radiografías ao mes no centros do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, e unhas 4.500 mensuais no Hospital do Salnés.

Basicamente, en cuestión de poucos minutos, o profesional pode visualizar na pantalla do seu ordenador en consulta a imaxe radiolóxica orixinal, unha copia coa patoloxía resaltada nun recadro, e un pequeno informe co diagnóstico. O algoritmo informático está adestrado previamente en milleiros de imaxes con lesións e o que fai é buscar e comparar nesa inxente base de xeito inmediato.

Descarta os negativos nun 99%

Co soporte da Subdirección de Sistemas e Tecnoloxías da Información, este proxecto tecnolóxico está coordinado polo Servizo de Radiodiagnóstico da Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés. A xefa deste servizo, a doutora Dolores Durán, explica que esta ferramenta de apoio ao diagnóstico “ten un valor preditivo negativo superior ao 99%, o que quere dicir que descarta cun alto nivel de fiabilidade as probas negativas ante sospeita de fracturas, luxacións e derrames”.

Entón, aquelas probas radiolóxicas positivas, dubidosas ou non avaliables son estudadas polos facultativos especialistas en Radioloxía. Neste sentido, a doutora Durán salienta que o programa de Intelixencia Artificial “complementa e axiliza a labor diagnóstica dos profesionais de Radiodiagnóstico, co valor engadido dunha dispoñibilidade permanente de continuidade asistencial e con total garantía de protección de datos”.

O valor da IA para os urxenciólogos

Por unha banda, o xefe das Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o doutor Javier García Vega, subliña tamén a elevada fiabilidade do programa para descartar elementos anormais nas imaxes, así como a maior seguridade na toma de decisións e o importante aforro de tempo nos diagnósticos. A isto engade que tamén suporá un “salto cualitativo” na avaliación das placas de tórax, que se implantará nos vindeiros meses.

Por outra banda, o coordinador das Urxencias do Hospital do Salnés, o doutor Manuel Vázquez Lima, tamén fala dese salto cualitativo para os servizos de Urxencias grazas a esta tecnoloxía. Neste sentido, lembra que os sistemas informáticos de Radiodiagnóstico forman parte hai tempo do liderado dixital, e que os baseados na Intelixencia Artificial en concreto para radiografías óseas, coma as de tórax, e luxacións, “teñen unha validez e unha fiabilidade moi elevadas”.

Tamén sinalar que todos especialistas coinciden en que, se ben esta ferramenta representa un gran avance para moitos profesionais, un dos eidos máis beneficiados será o da Atención Primaria, xa que os médicos dos centros de saúde terán un resultado máis rápido para poder ou ben descartar unha lesión, ou ben ter un diagnóstico e poder así tomar a decisión axeitada, coma a derivación a outro especialista.

Comparte este artigo