- – O estudo avalía a eficacia e vantaxes da vacina combinada fronte á gripe e á covid en maiores de 65 anos para acadar unha maior protección e evitar a fatiga vacinal
- – Durante a quenda de mañá administráronse 37 vacinas, mentres que pola tarde se sumaron 16 participantes máis nos puntos habilitados nos hospitais da Área Sanitaria
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistrou na xornada do pasado sábado 17 de outubro un total de 53 participantes inmunizados na primeira xornada do ensaio clínico Combogal, co que a Xunta de Galicia pretende avaliar a eficacia da vacina combinada fronte á gripe e a covid entre a poboación maior de 65 anos.
Por quendas e áreas de referencia, durante a mañá do pasado sábado administráronse 26 vacinas no Hospital Montecelo de Pontevedra e 11 no Hospital do Salnés, sumando 37 persoas inmunizadas. Na quenda de tarde desa mesa xornada de 17 de outubro, o dispositivo do ensaio clínico Combogal xestionou 12 vacinacións máis no distrito sanitario de Pontevedra e 4 no distrito sanitario de O Salnés, engadindo outros 16 participantes protexidos.
Este ensaio clínico -que desenvolven de xeito colaborativo Galicia e Dinamarca- levarase a cabo ao longo de cinco fins de semana consecutivas nos hospitais públicos galegos. O obxectivo principal é avaliar a capacidade da vacina combinada para previr hospitalizacións derivadas de infeccións respiratorias agudas e simplificar a loxística vacinal, evitando a fatiga vacinal na poboación maior.
Seguindo a metodoloxía habitual deste tipo de estudos, a administración faise de xeito aleatorio: a metade dos participantes recibe a vacina combinada nunha única dose e a outra metade recibe ambas as dúas vacinas (gripe e covid) por separado.
Facilidades para participar
A poboación maior de 65 anos da Área Sanitaria que desexe formar parte deste ensaio poderá reservar cita a través da aplicación Sergas Móbil ou no teléfono habilitado 900 842 217 (en horario de 10 a 20 horas). Os ocos estarán dispoñibles durante as vindeiras catro fins de semana nos hospitais de Pontevedra e O Salnés, podendo asinarse o consentimento informado de xeito totalmente electrónico para maior comodidade dos usuarios.

