Xosé Merelles salientou a oportunidade que ofreceu o proxecto Ultreia Sudoe para abordar cuestións como a accesibilidade, o desenvolvemento socioeconómico e a xestión coordinada das rutas xacobeas con representantes de España, Francia e Portugal
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na apertura do seminario internacional do proxecto Ultreia Sudoe, unha iniciativa de cooperación que reúne representantes institucionais e entidades vinculadas ao Camiño de Santiago de España, Francia e Portugal para compartir os resultados acadados e avanzar na xestión coordinada das rutas xacobeas.
Durante a inauguración destacouse a importancia da colaboración entre os distintos territorios para mellorar os servizos aos peregrinos e favorecer o desenvolvemento socioeconómico das poboacións do Camiño. Entre os principais avances do proxecto salientan as paradas informativas, que ofrecen información sobre patrimonio, servizos, aloxamento, restauración e produtos locais, así como a implantación dun sistema común de medición dos fluxos de peregrinos.
A participación de Galicia neste proxecto permitiu avanzar na mellora dos servizos e da información aos peregrinos, así como na promoción dos recursos patrimoniais, culturais e turísticos vinculados ao Camiño de Santiago. Estas actuacións contribúen tamén a reforzar a actividade económica dos territorios polos que transcorren as rutas xacobeas, favorecendo a valorización dos recursos locais e un desenvolvemento turístico máis sostible e equilibrado.
O proxecto aborda tamén outros ámbitos estratéxicos para o futuro do Camiño, como a accesibilidade e a inclusión, a adaptación ao cambio climático, a sustentabilidade e a xestión das rutas. Os resultados desta experiencia poderán servir de referencia para futuras iniciativas de cooperación europea, especialmente ante a celebración do próximo Xacobeo 2027.
O Camiño de Santiago continúa, ademais, a rexistrar unha evolución positiva. No que vai de 2026, máis de 566.000 peregrinos recolleron a Compostela, un 8% máis que no mesmo período do ano anterior. Destaca especialmente o crecemento da dimensión internacional do fenómeno xacobeo, cun 62% dos peregrinos sendo de procedencia estranxeira.

