O Hospital Provincial conmemora o Día Mundial do Neno Prematuro con música en directo adaptada aos neonatos e ás súas familias

Redacción
  • Un dúo de violín e teclado da escola pontevedresa Musicanda acompañou aos bebés durante o método canguro na Unidade de Neonatoloxía e ambientou un encontro no Hospital de Día Pediátrico
  • No que vai de 2026 rexistráronse no Hospital Provincial 63 nacementos prematuros, o que representa o 7,2% dos partos atendidos no centro, nunha unidade que contabiliza 207 ingresos neste período
  • Pola súa banda, no Hospital Público de O Salnés atendéronse 4 meniños prematuros

O Hospital Provincial de Pontevedra conmemorou hoxe o Día Mundial do Neno Prematuro —que nesta edición se celebra baixo o lema internacional Bebés pequenos, gran potencial— cunha iniciativa de humanización asistencial dirixida aos neonatos ingresados e ás súas familias. A xornada contou coa colaboración da escola de música pontevedresa Musicanda, cuxos docentes ofreceron actuacións en directo adaptadas especificamente á sensibilidade auditiva e emocional dos pequenos.

O acto contou coa participación de responsables do Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), encabezado polo seu xefe de servizo, o doutor José Couceiro; a médica adxunta da Unidade de Neonatoloxía, a doutora Pilar Crespo Suárez; e a supervisora da área pediátrica, Rita Cabanelas.

Estimulación musical temperá e método canguro
Arredor das 12 horas, unha violinista e un tecladista de Musicanda accederon á Unidade de Neonatoloxía para acompañar o momento do método canguro entre pais e bebés. Baixo estritos protocolos de seguridade e control acústico, a interpretación baseouse nun repertorio de nanas tradicionais e pezas con ritmos pausados —semellantes ao latexo cardíaco— executadas con sordina no violín, rexistros graves e medios, e volume regulado no teclado para respectar a madurez auditiva dos neonatos e favorecer a estabilidade da súa frecuencia cardíaca.

Posteriormente, ás 13 horas, os músicos trasladáronse ao Hospital de Día Pediátrico para amenizar un encontro de convivencia coas familias e os nenos nados de xeito prematuro durante o último ano, ofrecendo neste caso un repertorio máis dinámico acorde á súa etapa evolutiva.

Datos asistenciais e seguimento temperán
No que vai de ano 2026, no Hospital Provincial de Pontevedra rexistráronse un total de 63 nacementos de bebés prematuros, cifra que supón o 7,2% dos partos atendidos. Pola súa banda, no Hospital Público de O Salnés atendéronse 4 meniños prematuros.

Así mesmo, a Unidade de Neonatoloxía do CHUP pontevedrés contabilizou neste mesmo período 207 ingresos. Pola súa banda, no conxunto da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistráronse un total de 1.533 nacementos ao longo do pasado exercicio 2025.

Atención integral e coidados clínicos especializados
En liña coa mensaxe central da campaña internacional deste ano -centrada en investir nos coidados de seguimento para protexer o futuro dos pequenos-, o Servizo de Pediatría reafirma o seu compromiso coa atención integral, combinando os coidados clínicos especializados con medidas de humanización que fortalecen o vínculo afectivo e o neurodesenvolvemento desde os primeiros días de vida.

Comparte este artigo