— A programación comeza este venres 24 de xaneiro coa obra ‘As formas do amor’ no Teatro Rosalía Castro e esténdese aos aos escenarios do Fórum Metropolitano e do Centro Ágora
— A cidade herculina acollerá as estreas absolutas das novas propostas de Ibuprofeno Teatro e da bailarina Julia Laport no marco deste circuíto autonómico de distribución de espectáculos
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de espectáculos impulsado pola Xunta e confinanciado cos máis de 40 concellos galegos asociados, ofrecerá ata o mes de maio un total de 31 funcións de 22 espectáculos de teatro e danza na cidade da Coruña. O Teatro Rosalía Castro, o Fórum Metropolitano e o Centro Ágora son os tres espazos onde se desenvolverá a programación para o primeiro semestre de 2025
Esta carteleira arranca este venres 24 de xaneiro no Teatro Rosalía Castro con As formas do amor, unha proposta da compañía galega Verdeveras coproducida polo Centro Dramático Galego, na que a dramaturga e actriz María Ángeles Iglesias comparte escenario con Sergio Zearreta e fai reflexionar, en clave de humor, sobre o amor e as diversas formas de amar.
A esta cita seguiranlle no marco da Rede citas cos últimos espectáculos de compañías galegas como Sarabela, Teatro do Noroeste, Talía, Amorodio, Artefeito, Os Náufragos Teatro ou Redrum, e de formacións de fóra de Galicia como El Patio Teatro, Anita Maravillas, Teatro Clásico de Sevilla ou Andrea Jiménez con Teatro de la Abadía, entre outras.
Plataforma de estreas galegas
A Rede Galega de Teatros e Auditorios volve situarse, ademais, como plataforma escollida polas formacións artísticas do país para presentar ao público as súas novas producións. Así, no Teatro Rosalía Castro da Coruña estrearase o venres 7 de febreiro Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, cun segundo pase o sábado 8. Escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, a obra preséntase como un exercicio de memoria histórica sobre o sector naval na ría de Vigo.
Xa o 5 de abril, tamén no Teatro Rosalía Castro, Julia Laport estreará Para que non me deixes aquí soa, un traballo onde a bailarina coruñesa investiga a perda de identidade e a procura doutro ser que poida cubrir a carencia a través da disciplina do waacking (estilo de baile orixinario das discotecas californianas dos anos 70, caracterizado pola combinación de movemento rápidos con poses dramáticas. Tanto Para que non me deixes aquí soa como Reconversión son espectáculos que contaron para a súa produción co apoio da Xunta a través da convocatoria á creación escénica do 2024.
Propostas para todos os públicos
A carteleira coruñesa da rede ofrecerá ata maio diferentes espectáculos de teatro e danza, tanto para público adulto como familiar. En febreiro poderán verse no Fórum Metropolitano A cincenta que non quería comer perdices, de Sarabela Teatro, os días 7 e 8; Romeo e Xulieta, de Mutismoa Teatro, o 14; e Absurdia, de Dani Blanco, o 21; mentres que no Teatro Rosalía o venres 14 se presentará Guerra, de Teatro do Noroeste.
No mes de marzo, haberá dous pases os días 7 e 8 de marzo de La maestra, de Anita Maravillas, no Fórum. Neste mesmo espazo, poderá verse Soños, de Artefeito, o día 14; e Solo, de Roi Borrallas, os días 21 e 22. O domingo 9 están programados dous pases de Comenoites, de Os Náufragos Teatro, no Centro Ágora; o sábado 15 chegará a peza de teatro de obxectos Entrañas, de El Patio Teatro, con dúas funcións no Teatro Rosalía, que tamén acollerá Un deus salvaxe, de Talía Teatro, os días 21 e 22 de marzo.
Shakespeare é o punto en común das dúas propostas que chegan do panorama nacional en abril: o venres 4 La violación de Lucrecia, de Teatro Clásico de Sevilla, no Fórum Metropolitano, e Casting Lear, de Andrea Jiménez con Teatro de La Abadía, o día 11 no Teatro Rosalía. Na semana da danza, o escenario da coruñesa rúa de Rego de Auga acolle o mércores 30 de abril Transeúnte, a última creación do bailarín Daniel Rodríguez en coprodución co Centro Coreográfico Galego.
A programación pecharase en maio con Moby Dick, de Pedras de Cartón, os días 9 e 10; Cortello de amor, de Amorodio Teatro, o 16; e Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro, os días 23 e 24, todas no Fórum. No Teatro Rosalía Castro estarán As desterradas, de Excéntricas, os días 23 e 24; e Perder a lingua, de Eva Comesaña, o venres 30.
Máis de 340 representacións en Galicia
A Rede Galega de Teatros e Auditorios programa ata a o vindeiro mes de xuño 343 funcións de artes escénicas e musicais nos escenarios de 41 concellos das catro provincias galegas. A Xunta impulsa e coordina este circuíto, que constitúe un dos principais mercados de distribución cultural para facerlle chegar ao público os espectáculos producidos no país de xeito profesional.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, dispón para todo 2025 un orzamento de 1 M€ destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, coas que se configuran dúas programacións semestrais.