O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou xunto ca subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, no encontro no que se abordou o acordo co Goberno central para garantir a seguridade dos edificios da Administración de Xustiza en Galicia
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe xunto coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, na reunión da comisión de seguimento do convenio de colaboración entre a Xunta e o Ministerio do Interior en materia de seguridade nos edificios da Administración de Xustiza en Galicia. Tamén formaron parte do encontro o xeneral xefe da zona da Garda Civil en Galicia, Miguel Ángel González Arias; o coronel xefe da Unidade de Vixilancia de Edificios Xudiciais (UVEX), Simón Venzal; o xefe superior da Policía de Galicia, Pedro Jesús Pacheco, e o inspector xefe do Grupo Operativo da UVEX da Policía Nacional, Manuel Martínez
Na reunión, o director xeral de Xustiza explicou que a Xunta, co obxectivo de garantir a atención ante unha posible parada cardiorrespiratoria aos profesionais da Administración de Xustiza que traballan nos edificios xudiciais e das persoas usuarias, investirá ata 2026 máis de 80.000 euros na instalación de desfibriladores en case medio cento de xulgados. Lembrou que esta medida comezou en 2022 e que nos últimos meses colocáronse 14 desfibriladores noutros tantos xulgados galegos, en concreto nos de Betanzos, Carballo, Ribeira, Corcubión, Ordes, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Ponteareas, Cangas, Tui, Verín, O Carballiño, Viveiro e Tui. O persoal destes edificios habilitado para o seu uso está a recibir nestas semanas a formación necesaria para o seu manexo.
Por outra parte, no encontro de hoxe tamén se abordou a seguridade nos edificios xudiciais con medidas de reforzo como a colocación de arcos de seguridade. Durante o 2024 colocáronse arcos de seguridade nos xulgados de Betanzos, Carballiño, Ordes, Sarria e no Rexistro Civil da Coruña; e cambiouse o arco de seguridade dos Xulgados de Ourense. Con esta subministración complétase a dotación dos arcos de seguridade dos órganos xudiciais das cidades e dos partidos xudiciais de catro, tres e dous xulgados. Este ano 2025 seguirase coa dotación dos arcos conforme as propostas remitidas pola UVEX.
Ademais, avaliouse unha posible proposta redistribución do persoal de seguridade da Audiencia Provincial, o xulgado de Garda e o Rexistro Civil de Pontevedra, tendo en conta o número de axentes en horario de mañá e as necesidades do servizo.
Por último, tratouse a necesidade de reformar os espazos de detención nos xulgados, sobre todo na Coruña e Ferrol, onde era máis urxente, e cuxos traballos se levarán a cabo este ano. Nas seis salas da Coruña restauraranse cinco portas, instalarase outra anticlaustrofóbica, colocaranse novas pechaduras e mellorarase a iluminación das celas e o sistema de gravación. Nas dúas salas de Ferrol leváranse a cabo traballos similares e, ademais, crearase un aseo e actuarase na ventilación. Do mesmo xeito, continuarase cos traballos nas demais sedes xudiciais, conforme ás necesidades e de cada unha e segundo ás propostas por parte da UVEX.