- Particulares, comunidades de propietarios, autónomos, empresas e entidades locais poderán solicitar estas axudas ata o 31 de decembro deste ano, tanto para a adquisición dun automóbil, como para a instalación de puntos de recarga
- Os apoios poden alcanzar os 9000 euros por vehículo en función das características e do tipo de solicitante e ata o 80 % do custe subvencionable para a instalación de infraestruturas de recarga
- A Administración galega prevé mobilizar preto de 100 millóns de euros, aforrando 2,8 M€ ao ano en combustibles e reducindo as emisións de CO2 cun impacto equivalente a plantar 180.000 árbores
O director xeral de Planificación enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe que a Xunta de Galicia ten previsto mobilizar preto de 100 millóns de euros coa nova convocatoria do programa Moves III_2025, cuxo prazo de presentación de solicitudes abriu o pasado luns e que conta cun orzamento de 19,6 millóns de euros destinados a incentivar a compra de vehículos eléctricos e a instalación de puntos de recarga.
Fernández Vila visitou hoxe en San Cibrao das Viñas (Ourense) o concesionario Cibrao Motor, unha das entidades colaboradoras adheridas ao programa, onde lembrou que poden beneficiarse desta iniciativa os particulares, as comunidades de propietarios, autónomos, empresas e entidades locais sempre que o soliciten antes do 31 de decembro deste ano ou ata que se esgote o crédito.
A convocatoria conta con dúas liñas. A primeira delas ten como obxectivo fomentar a adquisición de vehículos eléctricos puros, híbridos enchufables, eléctricos de autonomía estendida ou de pila de combustible. As axudas oscilarán entre os 700 e os 9000 euros por automóbil en función do tipo de solicitante, características do vehículo ou uso, entre outras cuestións.
A segunda liña do Moves III_2025 diríxese á implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, con axudas de entre o 20 % e o 80 % do custo subvencionable en función do tipo de solicitante, potencia dos puntos de recarga, ou localización en concellos de menos de 5000 habitantes.
Desde que se abriu a convocatoria do MOVES III en 2021, concedéronse máis de 11.500 axudas por importe superior aos 49 millóns de euros. Nesta edición están adheridas 916 entidades colaboradoras, das que 295 correspóndense con puntos de venda e 621 instaladores de baixa tensión.
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas lembrou que o obxectivo deste programa é contribuír a incentivar a demanda ao tempo que se fomenta unha mobilidade eléctrica e sustentable, contribuíndo á descarbonización do transporte ao tempo que se reducen os custos enerxéticos para os propietarios dos vehículos e se fomenta unha rede pública e privada de puntos de recarga.
Con estes apoios, a Xunta de Galicia agarda mobilizar preto de 100 millóns de euros, favorecer un aforro económico anual de 2,8 millóns nos custos de combustible, así como unha redución de CO2 equivalente a plantar 186.000 árbores.