- Trátase da 2ª quenda da 3ª edición do programa ‘Que non te líen, ti elixes’, impulsado polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
- Do total de centros, 33 pertencen á provincia de Pontevedra, 22 á da Coruña, 12 á de Lugo e 10 á provincia de Ourense
- O obxectivo é continuar avanzando na presenza da muller en sectores tradicionalmente masculinizados como as TIC, o forestal, a construción ou o marítimo-pesqueiro
A Xunta de Galicia presentou a resolución definitiva relativa aos centros seleccionados para participar na 2ª convocatoria do curso 2024-2025 do programa Que non te líen, ti elixes, a iniciativa impulsada polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Nesta segunda parte, 77 centros de secundaria de toda a comunidade acollerán charlas a prol de que as mulleres escollan profesión atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por prexuízos ou estereotipos de xénero e sumaranse aos 97 predecesores da 1ª convocatoria deste ano.
Nesta convocatoria, 33 dos beneficiarios pertencen á provincia de Pontevedra, 22 á da Coruña, 12 á de Lugo e 10 á provincia de Ourense. Todos estes centros participantes son sostidos con fondos públicos e será o alumnado de 3º e 4º da ESO quen participará neste programa que ten como finalidade continuar avanzando na presenza da muller en sectores tradicionalmente masculinizados como as TIC, o forestal, a construción ou o marítimo-pesqueiro.
Ao igual que na 1ª convocatoria deste curso, as charlas didácticas e debates promovidos nos centros estarán dirixidos por persoal de asociacións, fundacións e clústeres de sectores con escasa representatividade feminina, que porán sobre a mesa cuestións como as condicións laborais dos diferentes ámbitos profesionais, que constatan maiores salarios para os empregos que soen estar ocupados por homes. Tamén porán en valor mulleres referentes de éxito en ámbitos con reducida presenza feminina, para que poidan servir de exemplo ás novas xeracións.
Balance das edicións anteriores
Esta 3ª edición da iniciativa segue mellorando os datos acadados nas anteriores, cun total de 174 centros beneficiados entre a primeira e a segunda convocatoria.
Así, na estrea do programa percorréronse uns 75 centros de ensinanza que estaban —polo xeral— situados preto de institutos de formación profesional nos que se ofrece cualificación de familias de sectores tradicionalmente masculinizados, cun total superior ás 140 charlas. Mentres, na segunda edición foron case 90 os centros onde se desenvolveron case 200 accións. En total, beneficiáronse nestes casos case 11.000 alumnos.

