O documento recolle unha parte de aportación económica, así como a dotación de roupa e calzado para as persoas voluntarias que participen na organización do próximo Ano Santo
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, asinou este xoves un novo acordo de patrocinio no marco do próximo Ano Santo xerente da marca de calzado outdoor Chiruca, Carlos Abad. A través desta colaboración, a firma con sede na Rioxa contribuirá como marca patrocinadora.
O acordo estipula que Chiruca participe activamente no desenvolvemento do Xacobeo 2027. Ademais da aportación económica contemplada no patrocinio, a compañía porá a disposición das persoas voluntarias que participen na organización do Xacobeo roupa e calzado, de tal modo que poidan levar a cabo as súas labores sobre o terreo co equipamento adecuado.
A sinatura tivo lugar durante a visita do comisario do Xacobeo 2027 ás novas instalacións de FAL-Chiruca en Arnedo, reconstruídas tras do incendio que calcinou a fábrica en 2023. Marcos Gómez Román estivo acompañado de Antonio Casas, xerente de Turismo de Galicia, e foron recibidos por Carlos Abad e Alejandro Abad, xerente e director adxunto, respectivamente, da compañía.
O encontro serviu para afondar na relevancia da colaboración entre as institucións e o tecido empresarial no marco do próximo Ano Santo. Neste sentido, a incorporación de Chiruca como firma patrocinadora do Xacobeo 2027 englóbase na estratexia da Xunta de Galicia de impulsar a colaboración público-privada na celebración desta gran cita.
Para isto, o Goberno galego promoveu o Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027, a folla de ruta que ordena e estrutura a política de patrocinios vinculada ao Xacobeo 2027, dentro do que a Xunta recibiu xa máis de 700 propostas de actos. Ao longo deste ano estanse xa a organizar 128 proxectos dentro do Plan, como antesala do vindeiro Ano Santo.

