— A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse ata este evento anual que se organiza no taller Eferro para presentar o proxecto ‘Artesanía na escola’, co que a Xunta busca achegarlle os oficios artesanais aos alumnos de Primari
— Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía 2019, é a protagonista de ‘Eu son zoqueira’, a primeira das unidades didácticas deste proxecto de divulgación da artesanía entre os máis novos
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse hoxe ata o obradoiro familiar Eferro, en Merza (Vila de Cruces), que celebra a súa foliada anual, para presentar o proxecto Artesanía na Escola, no que participa Elena Ferro. Durante este festexo artesán, ao que asistiu tamén o secretario xeral da Lingua, Valentín García, a zoqueira realizou unha demostración para o público infantil do oficio tradicional da elaboración de zocos, do mesmo xeito que o fai nos diferentes centros de ensino que participan neste proxecto iniciado pola Xunta este mesmo ano co obxectivo de achegarlle aos máis pequnos os nosos oficios artesanais e os valores da artesanía.
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, explicou que Artesanía na Escola consiste na creación de diferentes unidades didácticas monográficas sobre oficios artesanais a través da figura de recoñecidos profesionais da artesanía e poñendo especial atención nos oficios máis tradicionais. Ademais das unidades didácticas en papel, os centros recibirán material didáctico en versión dixital e a visita dalgún dos artesáns que formen parte do proxecto. Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía 2019, é a protagonista da primeira destas unidades didácticas, baixo o título Eu son zoqueira, e durante o pasado mes de xuño realizou demostracións en sete centros de ensino.
Entre os obxectivos do programa Artesanía na Escola destacan divulgar os oficios artesanais non só como patrimonio cultural senón como actividade económica; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e, a longo prazo, atallar o relevo xeracional nos oficios artesanais.
Elena Ferro
A primeira das unidades didácticas deste proxecto, Eu son zoqueira, está dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e centrada no oficio da elaboración tradicional de zocos a través da figura de Elena Ferro, responsable de Eferro (Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo dende o ano 1915 e que veu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019.
Elena Ferro destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira, que sufriron unha época de crise cando quedaron en desuso e só se empregaban para o traxe tradicional. Esta artesá conseguiu un cambio no valor de uso deste calzado de traballo, outorgándolle un novo significado e reinventándoo como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores.