- Ánxeles Vázquez sinala que Galicia afronta a influencia da dispersión da poboación na prestación de servizos de subministro de auga con diferentes solucións que buscan chegar a todos os lugares e a todos os cidadáns.
- Especialistas de varios países europeos intercambian experiencias e analizan os retos comúns ante o abastecemento de auga potable en zonas rural
A Xunta está comprometida coa xestión integral do saneamento e abastecemento de auga na comunidade, para o que respalda o traballo das comunidades de usuarios que se encargan do mantemento das súas propias traídas en pequenos núcleos do rural galego. Galicia recorre a diferentes solucións para garantir a calidade do subministro de augas para consumo humano e salvar a influencia da dispersión da poboación na prestación do servizo nas distintas zonas da comunidade.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, participou hoxe, xunto a outras autoridades, na inauguración en Pontevedra da Conferencia Internacional Xestión Comunitaria da Auga no Rural-Acowas-EU, que está organizada pola asociación sen ánimo de lucro Coxapo-Asociación Traídas de Augas.
A entidade promotora desta xornada internacional propiciou un espazo de traballo para abordar asuntos de interese para miles de cidadáns que dependen de sistemas de abastecemento autoxestionados para acceder á auga potable. Conxapo, que agrupa a 85.000 usuarios de auga do rural galego, impulsa a análise de diferentes cuestións relacionadas co cumprimento normativo e coa xestión sostible da auga potable.
Ángeles Vázquez destacou o acerto de celebrar esta xornada en Galicia e poder abordar os retos da xestión comunitaria da auga potable en zonas rurais. Para a titular de Medio Ambiente, esta conferencia internacional é unha oportunidade para extraer aprendizaxes sobre as boas prácticas en xestión da auga que se realizan en diferentes países europeos e, tamén, para explicar o que se está a facer na nosa comunidade.
Na súa intervención, destacou que a xeografía e a dispersión da poboación fan que en Galicia haxa que combinar diferentes solucións para afrontar tanto o saneamento como de abastecemento de augas para consumo humano.
Engadiu que isto significa que a comunidade galega conta coas habituais traídas de augas de competencia municipal e, como complemento, tamén dispón dos sistemas de comunidades de usuarios que xestionan e se ocupan do mantemento das súas propias traídas en pequenos núcleos.
Neste contexto, a titular de Medio Ambiente lembrou que o obxectivo de Augas de Galicia é contribuír a que o saneamento e abastecemento de augas poida chegar a todos os lugares e a todos os cidadáns. Este ano o organismo hidráulico concede axudas económicas a 41 colectivos veciñais que xestionan e se ocupan do mantemento das súas propias traídas de auga.
No marco destas axudas, que chegan ata o 80% do custo das obras, as comunidades de usuarios poden intervir de xeito integral nas súas instalacións con actuación que van desde a captación de auga (incluíndo as obras en arquetas, pozos e selos sanitarios), pasando polo tratamento da auga e tamén por aquelas relacionadas coas infraestruturas de almacenamento de auga e subministración e cos dispositivos de medición de caudal.
Participación de expertos internacionais
Especialistas en xestión de auga, representantes de universidades e autoridades de Irlanda, Austria, Dinamarca, Finlandia e de España reúnense hoxe en Pontevedra para abordar retos comúns como a adaptación da normativa vixente en Europa e en cada país, a calidade de auga e a sostibilidade e a seguridade e os riscos asociados coa dixitalización dos sistemas de abastecemento.
Así, durante a xornada e poñendo o foco nas zonas rurais, estes expertos aproveitan para reflexionar e intercambiar experiencias sobre a captación e extracción da auga, o tratamento e desinfección e a cooperación nos diferentes sistemas de abastecemento, entre outras.
Neste encontro, Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, trasladará aos asistentes a información referida á planificación do ciclo da auga nos núcleos rurais galegos. O organismo hidráulico aposta por facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na Comunidade, ao tempo que executa diferentes actuacións para a mellora da xestión do ciclo integral co obxectivo de lograr un funcionamento cada vez máis eficiente dos diferentes sistemas.