- O director xeral de Emerxencias e Interior participou en Barcelona na xuntanza de centros de formación de policías locais e autonómicas estatais
- Neste marco de acción, a Academia Galega de Seguridade Pública multiplicou por dez o número de sesións en liña no período 2017-2024
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na xuntanza de centros de formación de policías locais e autonómicas estatais celebrada hoxe no Instituto de Seguridade Pública de Cataluña. Durante a súa intervención, Villanueva incidiu na formación permanente e na especialización dos corpos de seguridade e de emerxencias, así como na aposta da Xunta polas novas tecnoloxías no desenvolvemento das actividades formativas a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), como piares que garanten unha formación sen barreiras nin as limitacións que pode presentar unha aula tradicional.
Nesta liña, o director xeral afondou na flexibilidade no acceso desde calquera dispositivo e en todo momento, así como nas posibilidades de personalización da aprendizaxe con itinerarios formativos dinámicos e adaptados, e de seguimento en tempo real do progreso do alumnado.
Segundo indicou, conscientes destes beneficios, a Agasp incrementou en case un 1.000% a súa formación en liña a persoal da seguridade e das emerxencias nos últimos anos, ao multiplicarse case por dez as 14 actividades de 2017 ás 137 rexistradas pasado exercicio. Froito disto, aumentou a participación e a accesibilidade das sesións, así como o grao de satisfacción dos participantes. Para Santiago Villanueva, a implantación e uso destas novas ferramentas no eido formativo permite ademais afrontar con mellor preparación os desafíos que presenta a constante evolución tecnolóxica.
Tras o encontro de hoxe, Galicia acollerá neste 2025 unha nova xuntanza centrada tanto na formación como na selección e coordinación dos corpos e forzas de seguridade, coa presenza dos responsables destas áreas de todas as comunidades autónomas.
A Agasp é o centro de referencia na formación das distintas promocións de Policía Local e das categorías de mandos, así como doutras forzas e corpos de seguridade en Galicia e dos servizos de emerxencias, con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas. Só no eido da seguridade, formou o pasado ano máis de 6.000 efectivos en 252 cursos que sumaron 8.347 horas lectivas.