Jacobo Rey destaca o modelo galego de coidados, centrado na humanización dos centros, a coordinación sociosanitaria, o emprego das novas tecnoloxías e a mellora continua das instalacións
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe na apertura da IV Reunión de Directores e Responsables de Residencias de Galicia, onde destacou a importancia de prestar unha atención integral centrada no benestar tanto físico como emocional dos usuarios. Este encontro estivo organizado pola Unidade de Coordinación e Apoio Asistencial a Residencias da Área Sanitaria da Coruña e o Colexio Oficial de Médicos.
Jacobo Rey destacou o modelo de coidados da Xunta de Galicia, que se basea en catro pilares: a humanización dos centros para convertelos en auténticos fogares, a maior coordinación sociosanitaria, o emprego das novas tecnoloxías e a mellora continua das instalacións para facelas máis accesibles e cómodas para os usuarios.
Por último, o director xeral puxo en valor a profesionalidade e bo labor dos directivos e persoal das residencias, que se esforzan día a día para que os usuarios teñan a mellor atención posible.
O programa da xornada constou de tres mesas redondas nas que profesionais do ámbito sanitario abordaron cuestións como a reforma sanitaria ou os coidados paliativos, e relataron as súas experiencias nos coidados de persoas maiores.

