- Ángeles Vázquez subliña que coidar dos nosos bosques significa coidar tamén o carbono que almacenan, a auga que axudan a regular, o solo que protexen e todas as especies que atopan neles o seu hábitat
- Explica que o proxecto Raño Vivo supón unha actuación integral que permite reducir biomasa combustible, recuperar prados, mellorar o solo, favorecer a biodiversidade e facer que, ademais, o territorio estea mellor preparado fronte ao lume
- Pon en valor o traballo de Carrefour e Forest Stewarship Council (FSC) a través da iniciativa Comprometidos cos nosos bosques, que en Irixoa permitiu actuar en 342 hectáreas e a nivel nacional supuxo a absorción de 90.000 toneladas de CO2 nos últimos tres anos
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, fixo hoxe un chamamento á colaboración e ao compromiso de administracións, empresas e cidadanía para garantir a conservación da biodiversidade e reforzar o seu papel na acción climática.
Nese senso, a conselleira puxo como exemplo desa aposta pola preservación da riqueza natural o proxecto Raño Vivo, que, dentro do programa Comprometidos cos nosos bosques está actuando sobre 342 hectáreas neste monte veciñal en man común de Irixoa para conservar a biodiversidade a través da protección de hábitats de interese comunitario como son as carballeiras.
Durante a súa visita, Ángeles Vázquez explicou que este proxecto supón unha actuación integral xa que permite reducir biomasa combustible, recuperar prados, mellorar o solo, favorecer a biodiversidade e facer que, ademais, o territorio estea mellor preparado fronte ao lume.
Ademais, nun contexto de cambio climático, os bosques teñen tamén unha importante función como grandes almacéns de carbono que absorben gases de efecto invernadoiro e contribúen, deste xeito, a reducir o quecemento global. Tal e como explicou a conselleira, os bosques españois capturan uns 65 millóns de toneladas de CO2, o que equivale ao 15% das emisións do país.
A conselleira subliñou que coidar dos nosos bosques significa coidar tamén o carbono que almacenan, a auga que axudan a regular, o solo que protexen e todas as especies que atopan neles o seu hábitat. E incidiu en que no caso da contorna do Raño, “non son simplemente 342 hectáreas de superficie, senón que son tamén 342 hectáreas nas que se inviste en biodiversidade e en capacidade de adaptación fronte ao cambio climático”.
Polo tanto, é fundamental xestionar os nosos montes para que poidan seguir cumprindo todas as súas funcións ambientais e, ademais, accións como reducir a biomasa combustible e controlar as especies invasoras axuda a construír un territorio máis diverso e con maior capacidade de adaptación.
Así mesmo, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que a conservación da natureza é compatible coa actividade no territorio. Por exemplo, na acción que se desenvolve en Irixoa utilízanse cabras e cabalos autóctonos como unha ferramenta de xestión forestal, polo que se combinan conservación, actividade e prevención.
Para concluír, a conselleira insistiu en que a conservación do patrimonio natural é unha cuestión que afecta a todos: administracións públicas, empresas e cidadanía en xeral. Por iso, puxo en valor o traballo que están a desenvolver Carrefour e Forest Stewarship Council (FSC) a través da iniciativa Comprometidos cos nosos bosques, que chega este ano á súa cuarta edición. Esta medida conta coa colaboración de empresas -Mahou San Miguel, Pernod Ricard, Bel, CVNE, Fundación Coca-Cola, En Encinar de Humienta, Diageo, L´Oréal, Mondelez e Asalvo- e das entidades locais vencelladas a cada proxecto.
En concreto, esta iniciativa naceu no ano 2022 centrado na recuperación de superficies forestais afectadas por incendios e pola degradación ambiental. Este ano dáse un paso máis e ponse o foco na prevención e na xestión forestal preventiva. Cómpre salientar que as actuacións das tres edicións anteriores favoreceron a absorción de 90.000 toneladas de CO2.

