A Xunta colabora con 16 entidades culturais para o impulso de certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado

Redacción
  • A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude resolve a súa liña de axudas dotada con 75.000 €, 5.000 euros máis que na anterior convocatoria
  • O apoio que reciben van desde os 2.000 ata os 7.000€ para axudar nos custos da organización destas citas culturais repartidas polas catro provincias galegas

A Xunta acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria de axudas para a realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado que, nesta ocasión, impulsará a colaboración con 16 proxectos.

Trátase dunha convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dotada con 75.000 euros, 5.000 euros máis que na anterior convocatoria, destinada a entidades culturais asociativas sen ánimo de lucro co fin de colaborar nos gastos correntes derivados da realización deste tipo de actividades culturais.

A través destas achegas, que van dos 2.000 aos 7.000 euros, o Goberno galego apoia a realización de diversas iniciativas promovidas por organizacións sen fin de lucro das catro provincias. Así na de Pontevedra, contarán con este pulo o Ameixa Rock, da Asociación co mesmo nome, en Carril; o Nocedarock, da Asociación Cultural Bolarqueira, en Lalín; o Armadiña Rock, da Asociación Cultural Deportiva Armadiña, en Combarro; Festival Poesía do Condado, da entidade cultural coa mesma designación, que se celebra en Salvaterra do Miño; e as Xornadas Etnográficas de Morrazo, en Cangas de Morrazo.

Ademais, en Vigo terán lugar catro certames coa colaboración destas axudas. En concreto, serán Pícnic Sesións, de Lideiras Asociación Cultural, o Revoltallo de Música Emerxente, O Festival de Verán e Vertixe 14, organizados estes tres últimos por Recreativo de Valadares, A Sforza Bembrive e Asociación Cultural Vertixe, respectivamente.

Do mesmo xeito, na provincia de Lugo apóiase con esta partida a Mostra de instrumentos de música tradicional, da Asociación de Gaiteiros Galegos, que se celebra en Guitiriz; o Tremeterra, da Asociación Cultural Sonsistema, no Incio; e o Agrocuir da Ulloa, que organiza a asociación co mesmo  nome en Monterroso.

Na provincia de Ourense, figura o Verbena da Rella, da Asociación Cultural Rebulir, que se celebra en Ramirás e o Festival Internacional da Pedra, que se organiza en diferentes localidades ourensás.

Ademais, esta achega tamén permitirá a posta en marcha dunha nova edición do Fest Clásico Ribeira Sacra, que abrangue diferentes territorios lucenses e ourensáns deste territorio, e o Bruón Folk Fest, que a Asociación Os Liantes, que se levará a cabo no municipio coruñés de Ribeira.

Con esta iniciativa, o Goberno galego contribúe a reforzar a oferta cultural en todo o territorio a través de programacións diversas e de calidade dirixidas a todos os públicos co obxectivo de promocionar a cultura de Galicia axudando a mellorar as infraestruturas e promovendo a contratación de artistas da Comunidade ou outros emerxentes dándolles a oportunidade de darse a coñecer.

Comparte este artigo