- Ángeles Vázquez explica que o Goberno galego financiará 170 actuacións de 83 administracións locais para contribuír ao cumprimento da normativa neste eido
- Pon o Concello da Estrada como exemplo de xestión ao ser o municipio da provincia de Pontevedra con maior financiamento concedido e o segundo de toda Galicia cun total de 233.000 euros
- Lembra que desde 2018 a Xunta destinou preto de 40 M€ a centos de iniciativas municipais para mellorar a xestión de residuos, modernizar a rede de puntos limpos, promover a compostaxe, fomentar a reutilización e reforzar a recollida separada
A Xunta de Galicia concedeu este ano 5,1 millóns de euros en axudas a concellos, mancomunidades e deputacións provinciais para apoialos na mellora da xestión dos residuos e no cumprimento da normativa estatal e europea nesta materia.
En concreto, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita que realizou ao Concello da Estrada, coas axudas da Xunta financiaranse 170 actuacións en 83 administracións locais co obxectivo de “acadar un modelo de xestión de residuos máis eficiente, equitativo e mellor preparado para os retos do futuro”.
Nese senso, Ángeles Vázquez lembrou que este ano a maior parte do financiamento desta orde de axudas se destinou á recollida e tratamento de biorresiduos, con máis de 3 millóns de euros destinados a iniciativas relativas á recollida separada, á adquisición de vehículos específicos para a recollida destes refugallos e á implantación da compostaxe doméstica e comunitaria. A maiores, outras liñas tiveron como obxectivo apoiar accións relacionadas coa xestión de residuos téxtiles -125.000 euros-, coa modernización dos puntos limpos fixos -1,3 M€- e coa mellora dos puntos limpos móbiles -350.000 euros-.
Ademais, a conselleira fixo fincapé en que este ano se incluíu unha nova liña de axudas, cun orzamento de 290.000 euros, destinada a apoiar de forma específica proxectos de dixitalización dos servizos municipais de residuos, que busca avanzar cara a unha maior trazabilidade dos refugallos.
A conselleira puxo o Concello da Estrada como exemplo de aposta por unha xestión máis eficiente e sostible dos residuos municipais. De feito, é o municipio da provincia de Pontevedra con maior financiamento concedido e o segundo de toda Galicia -o primeiro foi o Consorcio das Mariñas- cun total de 233.000 euros en axudas.
Neste caso, Ángeles Vázquez salientou que este concello pontevedrés recibiu apoios para actuar en catro eidos. Así, acometerá unha acción de mellora da recollida separada de biorresiduos que se levará a cabo principalmente nos centros escolares, informando e concienciando os máis novos sobre a importancia da reciclaxe. Ademais, o Concello tamén adquirirá un vehículo específico eléctrico para a recollida de residuos orgánicos, modernizará o punto limpo fixo da localidade e adquirirá un punto limpo móbil.
Para concluír, Ángeles Vázquez lembrou que só desde 2018 o Goberno galego leva destinados preto de 40 millóns de euros a centos de iniciativas municipais dirixidas a mellorar a xestión de residuos, modernizar a rede de puntos limpos, promover a compostaxe, fomentar a reutilización e reforzar a recollida separada, en liña coa normativa europea.

