- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde 2025 destas achegas, que apoian a incorporación de socios ou traballadores e a quen se estableza por conta propia e se sume logo a estas entidades
- As contías increméntanse se as beneficiarias finais son mulleres, persoas con discapacidade, maiores de 45 anos ou emigrantes retornadas, así como no caso de concellos rurais, cooperativas xuvenís ou de nova creación con catro socios ou máis
- Entre os anos 2017 e 2024, a Xunta destinou case 34 millóns de euros a esta iniciativa, permitindo a incorporación de case 6.200 persoas a cooperativas e sociedades laborais
- A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración investirá máis de 44 millóns de euros en 2025 no sector da economía social, un 2,77% máis ca este ano
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 2025 da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para fomentar o emprego e a mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais. Cun orzamento de 5 millóns de euros, prevese que o programa Aprol Economía Social beneficie unhas 170 entidades e promova a incorporación de 325 persoas socias, consolidando un ecosistema económico de crecemento sustentable que aposta polo emprendemento e polo emprego de calidade, ao tempo que contribúe a vertebrar o territorio e a fixar poboación no rural.
O programa —cuxo prazo de presentación estará aberto desde o 17 de febreiro ata o 16 de setembro de 2025— conta con dúas liñas compatibles entre si: a primeira con axudas directas a cooperativas e sociedades laborais para que incorporen, sobre todo, persoas desempregadas; e a segunda da que se pode beneficiar quen entre como socio ou traballador indefinido a unha destas entidades ou ben se incorpore tras iniciar a súa actividade por conta propia. Neste último caso, os apoios son compatibles co resto de liñas de impulso ao emprendemento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Como novidade, nesta nova convocatoria a Xunta eleva dos dous aos tres anos o período de permanencia como cooperativa ou sociedade laboral requirido ás entidades beneficiarias, co gallo de asegurar no tempo o seu beneficio no eido do traballo por conta propia. Coa finalidade de consolidar o emprego de calidade, deberase manter tamén durante tres anos o incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballadoras indefinidas comprometido nas solicitudes presentadas e aprobadas.
Detalles do programa Aprol Economía Social 2025
A contía básica da axuda en cada liña ascende a 6.000 euros. No caso da primeira, poden solicitala cooperativas e sociedades laborais que sumen socios ou traballadores con carácter indefinido, sendo as beneficiarias finais as persoas desempregadas socias a proba, traballadoras a tempo completo ou temporais que se incorporan.
Mentres, o segundo programa diríxese ás persoas que accedan á condición de socias dunha cooperativa ou dunha sociedade laboral con carácter indefinido co obxecto de facilitar a súa achega ao capital social e reforzar o emprendemento no eido da economía social, sempre que estivesen previamente desempregadas, fosen socias a proba nas entidades ás que se incorporan, estivesen asalariadas nelas ou noutras empresas que logo se transforman en cooperativa ou sociedade laboral. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas que, sendo desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como socias en réxime de exclusividade. En ambas liñas, a orde contempla incrementos da axuda acumulables entre si do 25% se as beneficiarias finais son mulleres, persoas con discapacidade, maiores de 45 anos, emigrantes retornadas ou trans. Tamén se as entidades teñen a sede en contornas rurais, se son cooperativas xuvenís ou de nova creación que conten con catro ou máis socios.
Cómpre engadir que entre os anos 2017 e 2024, a Xunta destinou case 34 millóns de euros a esta iniciativa, permitindo a incorporación de preto de 6.200 persoas a cooperativas e sociedades laborais co conseguinte reforzo da economía social.
Compromiso coa economía social
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten orzamentados en economía social para o ano 2025 máis de 44 M€, un 2,77% máis ca este ano. Neste marco, impúlsanse outras convocatorias, como as axudas de 2025 dotadas cun orzamento de 330.000 euros e destinadas a sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, de sociedades laborais, de centros especiais de emprego e de empresas de inserción. Precisamente as entidades interesadas poden cursar as súas peticións desde hoxe e ata o próximo 4 de marzo. Ademais, co gallo de visibilizar o papel do cooperativismo na sociedade, está tamén aberto actualmente o prazo de participación no certame de Cooperativismo no Ensino e nos Premios á Cooperación, ambos publicados na mesma orde e con prazo vixente ata o 30 de abril.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250205/AnuncioG0767-140125-0007_es.html