- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE presenta as prioridades galegas en mobilidade, cooperación en materia laboral e desenvolvemento territorial
- Jesús Gamallo asegura que Galicia e o Norte de Portugal “continúan a mostrar que as fronteiras son espazos de oportunidade, innovación e progreso compartido”
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na Reunión da Comisión Luso-Española para a Cooperación Transfronteiriza (CLECTF) en preparación do próximo Cumio Ibérico, que se celebrará antes de que remate o ano. Na súa intervención trasladou as prioridades galegas, consensuadas coa Comisión de Coordinación Rexional do Norte (CCDR-Norte) co obxectivo de reforzar a cooperación de proximidade con Portugal e avanzar en proxectos chave para o desenvolvemento conxunto de ambos os territorios.
O representante da Xunta insistiu na petición de que os presidentes rexionais participen activamente nos cumios luso-españois, dado que moitas das materias que se abordan nestes encontros “inciden directamente nas competencias e responsabilidades dos gobernos rexionais”. “A súa presenza non só enriquecería o diálogo bilateral, senón que permitiría articular solucións máis eficientes e adaptalas as necesidades reais dos territorios transfronteirizos”, sinalou.
Gamallo fixo referencia, como exemplo de colaboración entre territorios, á reunión da delegación española do Comité Europeo das Rexións, que neste momentos preside Galicia, en Santiago de Compostela o pasado 21 de outubro. Desta xuntanza xurdiu un documento conxunto, a Declaración Galicia, que recolle a posición común das autonomías e dos concellos de España en relación coa proposta da Comisión europea sobre o futuro Marco Financeiro Plurianual 28-34, para reclamar o seu papel na planificación e xestión dos fondos europeos.
O director xeral destacou a necesidade de fortalecer a cooperación territorial e de proximidade como a estrutura básica sobre a que se constrúe un desenvolvemento sustentable nos territorios transfronteirizos. Seguindo esta premisa, subliñou a importancia de eliminar os custos transfronteirizos administrativos, fiscais e normativos que aínda hoxe obstaculizan o funcionamento da Eurorrexión, así como o impulso de servizos comúns en sanidade, servicios sociais, cultura ou protección civil, e a institución de novas iniciativas de colaboración entre territorios como é a Macrorrexión Atlántica.
Na intervención reclamouse a creación do Estatuto do Traballador Transfronteirizo, que está en espera desde a súa inclusión como medida prioritaria no Cumio Ibérico de 2021 en Trujillo e recordou que a propia Eurrorrexión Galicia-Norte de Portugal ten presentada unha proposta que conta coa aprobación de todos os axentes sociais involucrados nos asuntos laborais da fronteira, como son a Xunta, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a rede EURES transfronteiriza, patronais e sindicatos de ambos os lados da raia.
Infraestruturas estratéxicas compartidas
Outro dos temas a destacar foi o pulo solicitado para as infraestruturas de comunicación entre Galicia e o Norte de Portugal, reiterando a posición conxunta de ambas as rexións sobre a liña de alta velocidade que debe ser clasificada como “unha prioridade efectiva”.
Por outra banda, Gamallo fixo referencia á creación da AECT da Raia Seca-Reserva da Biosfera Gerês-Xurés, un proxecto con preto de tres décadas de cooperación previa que consolidará institucionalmente a colaboración entre ambos os territorios en materia ambiental e de desenvolvemento sustentable.
Para rematar, o director xeral asegurou que a cooperación transfronteiriza “non é unicamente un instrumento técnico, é un verdadeiro proxecto político e social que encarno os valores europeos de solidariedade e cohesión” e que “Galicia e o Norte de Portugal continúan a mostrar que as fronteiras son espazos de oportunidade, innovación e progreso compartido” .



