A Xunta destaca a importancia das repontenciacións de parques eólicos pois reducen o impacto na paisaxe e na contorna ao tempo que mellora a súa eficiencia

adminON
Lectura mínima de 4
  • Ángeles Vázquez destaca que os nove proxectos voluntarios deste tipo tramitados pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático contan xa coa declaración de impacto ambiental favorable e oito coa autorización definitiva
  • Estas iniciativas permitirán reducir o número de aeroxeradores en preto dun 80%, de 361 a 75, e incrementar a súa produción un 35% pois a súa eficiencia permitirá xerar máis enerxía renovable coa mesma potencia
  • Os traballos de todos estes proxectos de repotenciación, cun investimento global de 321 M€ cofinanciados con fondos NextGenerationEU, contribuirán tamén a reducir as emisións á atmosfera e a que Galicia acade a neutralidade climática en 2040
  • A actuación de Naturgy no monte Redondo supón que o parque pase de ter 66 eólicos a só 11 tras un investimento de 65 millóns de euros e conservando boa parte das infraestruturas existentes previamente

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe as obras que a empresa Naturgy está a realizar para a repotenciación do parque eólico de monte Redondo, en Vimianzo. A responsable autonómica salientou que este tipo de actuacións permite reducir o impacto na paisaxe e no medio ambiente destas instalacións ao tempo que mellora a súa eficiencia ao producir máis enerxía eléctrica renovable coa mesma potencia.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada por directivos da enerxética e pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, lembrou que esta é unha das nove repotenciacións voluntarias tramitadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, das que todas contan xa con declaración de impacto ambiental favorable e oito coa autorización definitiva para a súa execución.

Ao abeiro destes proxectos -que suman unha potencia de preto de 250 megavatios- reducirase preto dun 80% o número de aeroxeradores de 361 a 75, co que o impacto no territorio é considerablemente inferior. Ademais, serán máis eficientes pois coa mesma potencia, e grazas a unha maior superficie de barrido, pasarán de producir 615.000 megavatios hora ao ano a 828.000 megavatios, o que supón un incremento do 35%.

A conselleira incidiu tamén en que estas obras contribuirán a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, pasando de 290.000 toneladas de dióxido de carbono evitadas a 393.000 toneladas. Polo tanto, axudarán a que Galicia avance no seu obxectivo de ser climaticamente neutra no ano 2040.

Ao mesmo tempo, destacou a responsable autonómica, estas actuacións contribúen a xerar riqueza e emprego na contorna e no conxunto da comunidade pois as nove repotenciacións previstas supoñen un investimento global de 321 millóns de euros, dos que arredor de 55 millóns de euros proceden de fondos europeos NexGenerationEU, polo que a previsión é que os novos parques estean operativos en 2026.

Eólico de Vimianzo

As obras que está a realizar Naturgy no parque de monte Redondo permitirán pasar de 66 aeroxeradores a 11 coa mesma potencia, de 49,5 megavatios, e tras un investimento de 65 millóns de euros co apoio de fondos europeos. Os traballos, que comezaron a finais de abril, inclúen a restauración ambiental das zonas desafectadas así como outras actuacións como a modernización da subestación eléctrica existente na contorna.

O fin último é reducir o impacto ambiental e paisaxístico da instalación, aproveitando tamén infraestruturas xa existentes como as de evacuación ou parte das edificacións. Non obstante, a súa maiores eficiencia tamén favorecerá o incremento da súa produción anual ata os 200 xigavatios hora, equivalentes ao consumo de arredor de 57.000 fogares.

Comparte este artigo