- O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na gala final desta iniciativa impulsada polo Centro Comercial Aberto A Estrela de Marín e apoiada pola Xunta con preto de 50.000 euros
- Destacou o capacidade dinamizadora da campaña, cunha intensa programación que incluíu actuacións musicais, actividades infantís e xogos tradicionais ao longo de toda a xornada, enchendo as rúas de vida
- Lembrou que esta foi unha das cinco iniciativas extraordinarias recoñecidas pola Xunta a nivel galego, xunto coas de Ribadeo, Boiro, Ferro e Rianxo, polo seu carácter innovador, a creatividade das propostas e o seu impacto cultural e económico
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na gala final da campaña de dinamización comercial extraordinaria O Escaparate Estrela, organizada polo Centro Comercial Aberto A Estrela de Marín e apoiada pola Xunta de Galicia no marco da iniciativa O teu comercio local é extraordinario.
O núcleo central da campaña xirou arredor do Escaparate da Estrela, unha mostra representativa dos produtos e servizos do comercio local de Marín que se descubriu hoxe ao público. As persoas participantes puideron estimar o valor económico do escaparate —con incentivos adicionais para quen empregase a aplicación Comercio de Marín— e, se acertaban, optaban a gañar todo o seu contido. Ademais, ao longo da xornada desenvolveuse unha intensa programación con actuacións musicais, actividades infantís e xogos tradicionais.
Durante a gala final —na que se anunciou o valor do escaparate— Gabriel Alén destacou a capacidade do Centro Comercial Aberto para dinamizar Marín a prol do comercio local, enchendo as rúas de actividade e propostas que celebraron a diversidade e riqueza do tecido comercial da vila. Lembrou tamén que O Escaparate Estrela foi unha das iniciativas recoñecidas pola Xunta a nivel galego, cunha achega extraordinaria de preto de 50.000 euros —no marco das axudas destinadas ao apoio destas entidades— polo seu carácter innovador, a creatividade das súas propostas e o impacto cultural e económico acadado. Esta gala de peche foi presentado pola artista Lucía Pérez e contou cun espectáculo de maxia e ilusionismo, así como performances de Pablo Méndez.
O teu comercio local é extraordinario
Esta campaña forma parte das cinco accións de dinamización comercial extraordinarias apoiadas pola Xunta dentro da iniciativa O teu comercio local é extraordinario, xunto coas impulsadas polos centros comerciais abertos de Ribadeo, Boiro, Ferrol e Rianxo.
Estas entidades foron seleccionadas entre as mellor valoradas na convocatoria de axudas deste ano, na que se apoiaron un total de 54 centros comerciais abertos de toda Galicia cun investimento global de 2,3 millóns de euros. Para estas cinco propostas en concreto, o Executivo autonómico destina preto de 200.000 euros, como recoñecemento á súa calidade, capacidade de innovación e impacto no territorio.
As campañas teñen como obxectivo dinamizar o tecido comercial, fomentar o consumo de proximidade e reforzar o papel do comercio local como motor económico e social das vilas e cidades galegas. Con estas accións extraordinarias, a Xunta pon en valor o esforzo e a creatividade dos centros comerciais abertos, consolidándoos como pezas clave no desenvolvemento urbano e económico no marco do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.



