María Quintiana trasladou ás participantes as últimas axudas e medidas impulsadas polo Executivo galego para potenciar o papel das mulleres na sociedade
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, asistiu esta tarde á inauguración do IV Encontro de mulleres Tecedoras de sons. Este evento, organizado pola Federación pola Igualdade da Provincia de Pontevedra (Femupo) e pola Federación de Mulleres do Rural de Ourense (Femuro). Trátase dun encontro fundamental para potenciar o intercambio de experiencias e coñecementos entre mulleres a prol da igualdade.
Ao longo da fin de semana celebrase este encontro na Residencia de Tempo Libre da Xunta en Panxón e na que as participantes poderán desfrutar de obradoiros, roteiros, actividades de lecer e formativas, charlas sobre o asociacionismo ou a música galega.
Nesta liña, a directora informou ás participantes das últimas medias e achegas do Executivo galego para potenciar o papel das mulleres na sociedade. Deste xeito, lembrou que a Xunta de Galicia mantén aberto o prazo para solicitar as axudas específicas para fomentar o movemento asociativo feminino, co obxectivo de potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres.
A directora xeral de Igualdade destacou o traballo que realizan día a día Femupo e Femuro, ao tempo que sinalou que este tipo de encontros son fundamentais para seguir impulsando o talento feminino e compartindo experiencias de éxito.