A Xunta destaca o reforzo das instalacións deportivas da Estrada coa pista de Atletismo inauguradaa hoxe e o futuro módulo cuberto

adminON
Lectura mínima de 4

― O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe no acto de inauguración da nova pista municipal, onde avanzou que xa comezaron as obras do módulo que precisamente conectarán esta infraestrutura coa Academia Galega de Seguridade Pública

― A Xunta leva investidos este ano 22M€ en máis de 400 instalacións deportivas da comunidade, entre os que se inclúe unha achega dun millón de euros para o futuro módulo

― A nova instalación contará con espazos para deportes de combate e ximnasio e completará as instalacións deportivas do municipio

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu esta tarde xunto co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, á inauguración das pistas de atletismo municipais, onde destacou a importancia de apostar pola posta en marcha destas instalacións para que os deportistas do municipio teñan un espazo no que adestrar en condicións.

A nova pista conectará co módulo cuberto multideporte, ao que a Xunta achega máis da metade do investimento total de case 2 millóns de euros, e que completará as instalacións deportivas do municipio, ao servir ademais de elemento de comunicación entre a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e a pista de atletismo inaugurada hoxe.

Diego Calvo anunciou que as obras deste módulo xa comezaron e prevese que os traballos rematen para acoller adestramentos e competicións de probas técnicas cando a situación meteorolóxica sexa adversa para especialidades como o salto con pértega, os saltos de lonxitude e triplo salto ou as probas de velocidade e valos.

Ademais, ao completar a instalación de aire libre con este módulo de pista cuberta, poderán levarse a cabo competicións e concentracións técnicas de alto nivel. O novo módulo tamén disporá de espazos destinados a deportes de combate (judo, karate ou taekwondo) e ximnasio.

Nesta liña, o conselleiro de Presidencia puxo en valor a aposta do Goberno galego polas infraestruturas deportivas, con proxectos como o futuro módulo da Estrada, aos que a Xunta destinou este ano uns 22 millóns de euros para 400 actuacións en instalacións da comunidade. Neste montante inclúense 17,5 millóns en espazos de titularidade autonómica, municipal ou de entidades deportivas, así como os proxectos beneficiarios das axudas de 5 millóns de euros do fondo adicional de Fondo de Cooperación Local para melloras de eficiencia enerxética nestas instalacións.

No que se refire ao atletismo puxo como exemplo a recente inauguración da ampliación do complexo deportivo A Fieiteira de Ribeira, coa construción dun módulo de atletismo cuberto e unha sala para a práctica do taekwondo, e tamén o ano pasado a de Cervo.

Por outra parte, cómpre salientar que na Estrada os deportistas galegos de alto nivel e as federacións deportivas de Galicia poden utilizar desde hai anos para as súas concentracións as instalacións da Agasp que contan con recursos como residencia, o pavillón deportivo, as aulas, o salón de actos ou a galería de tiro, o que lles permite aos equipos e profesionais federados poden realizar as súas concentracións sen saír do recinto da Academia para adestrar.

Comparte este artigo