- Cun prazo de execución de oito meses, o servizo que acaba de adxudicar Augas de Galicia actualizará esta ferramenta de alerta temperá co fin de acadar unha xestión máis eficiente dos recursos hídricos e mitigar os riscos asociados a desbordamentos
- Os traballos inclúen tamén a actualización dun visor web e a mellora da xestión de bases de datos para facilitar a visualización das predicións e a análise de datos meteorolóxicos e hidrolóxicos dunha forma máis áxil e accesible
A Xunta, a través de Augas de Galicia, destinará un investimento de algo máis de 630.000 euros a mellorar e optimizar o sistema Merlin, utilizado para a predición do risco de inundacións no ámbito da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa e desenvolvido grazas á colaboración entre o organismo hidráulico autonómico e MeteoGalicia.
Con tal fin, Augas de Galicia acaba de adxudicar por un importe de 631.879,24 euros (IVE incluído) o servizo de apoio técnico á optimización desta ferramenta de alerta temperá, baseada na predición de caudais, niveis de inundación e efectos das mareas, o que permitirá abordar unha xestión máis eficiente dos recursos hídricos e a mitigación dos riscos asociados aos desbordamentos.
De feito, o contrato inclúe a mellora dos modelos hidrolóxicos e hidráulicos empregados no sistema coa finalidade de incrementar a súa precisión e adaptabilidade ás condicións cambiantes, mellorando deste xeito as predicións en tempo real.
Entre as actuacións previstas, cun prazo de execución de oito meses, tamén se prevé a actualización do visor web e a mellora da xestión de bases de datos para facilitar a visualización das predicións e a análise de datos meteorolóxicos e hidrolóxicos de forma máis áxil e accesible.
A isto engádese a integración de funcionalidades avanzadas co fin de minimizar os erros dos modelos e a incorporación de novas fontes de datos que garanten que o sistema se manteña actualizado tecnoloxicamente e poida responder de forma máis eficiente aos episodios de inundación na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
O contrato adxudicado tamén establece a formación e transferencia de coñecemento ao persoal de Augas de Galicia co obxectivo de garantir que poida xestionar e operar o sistema Merlin de maneira autónoma, aplicar as melloras implementadas e realizar futuros axustes, sen depender para poder facelo de recursos externos.
Cómpre subliñar que este contrato contará con cofinanciamento da Unión Europea con fondos do programa NextGenerationUE, canalizados a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e se enmarca na aposta pola dixitalización da xestión dos recursos hídricos que está a facer Augas de Galicia nos últimos anos.



