HomeXunta de GaliciaRueda anuncia que a Xunta destina 40 M€ á amplicación da autovía...

Rueda anuncia que a Xunta destina 40 M€ á amplicación da autovía do Salnés e a melloras para facilitar as comunicacións nesa zona

- Anuncio -spot_img
  • A actuación contempla a ampliación da vía rápida entre Sanxenxo e A lanzada, a PO-308, a creación dunha senda peonil e ciclista por toda A Lanzada e medidas de protección medioambiental
  • Salienta que é unha obra “moi demandada e necesaria” que “realzará a zona e facilitará o acceso a veciños e visitantes”
  • A tramitación do Proxecto levarase a cabo antes de que remate este ano, e no primeiro semestre de 2026 comezará a dos dous proxectos viarios
  • O presidente pide ao Goberno central que “estea a altura” e que a “AP-9 sexa libre e gratuíta canto antes”

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Vivenda, e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, presentou hoxe o proxecto que, entre outras actuacións, permitirá ampliar a autovía do Salnés. “É unha obra moi demandada e necesaria que vai ter un gran impacto, que realzará esta zona e fará un pouco máis fácil a vida dos veciños e dos visitantes”, indicou.

A iniciativa, concibida como un Proxecto de Interese Autonómico (PIA) e dotada cun orzamento de 40 millóns de euros, combina actuacións viarias con medidas de integración ambiental. Nesta liña, Rueda lembrou a importancia de realizar melloras para “poder acceder a esta zona con comodidade”, pero sempre “con sentidiño e o respecto aos valores medioambientais” polos que destaca esta contorna.

O plan inclúe a ampliación da Vía Rápida entre Sanxenxo e A Lanzada, co desdobramento ata Noalla e cun terceiro carril entre Noalla e A Lanzada, así como a ampliación a catro carrís da PO-308 entre a Vía Rápida e a PO-550. Tamén contempla o desprazamento dun paso peonil e a creación dunha senda peonil e ciclista que percorra toda A Lanzada.

En paralelo, desenvolveranse medidas ambientais de recuperación de dunas na contorna das estradas autonómicas e de mellora da conectividade dos humidais existentes.

Segundo a planificación exposta, antes de que remate este ano iniciarase a tramitación do PIA, e no primeiro semestre de 2026 comezará a dos dous primeiros proxectos viarios, cunha execución por fases para garantir tanto a seguridade como o respecto medioambiental.

Esta actuación enmárcase na aposta da Xunta por dotar ao Salnés de infraestruturas modernas, seguras e sostibles, ao nivel do seu potencial turístico e económico con outras grandes actuacións como a Autovía do Morrazo ou a Santiago-A Estrada.

Neste senso, o xefe do Executivo autonómico salientou o gran esforzo que está a realizar a Xunta “en materia de infraestruturas viarias, estradas e construción de autovías” e engadiu que queda unha cuestión pendente fundamental sobre a AP-9. “Neste momento no que se está a decidir que pasa coa vía máis importante de Galicia, agardo que o Goberno central -que é tamén o Goberno de todos os galegos- estea á altura e a AP-9 sexa libre e gratuíta canto antes”, subliñou.

Publicacións Relacionadas