A Xunta entrega ao Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso material para á prevención de incendios forestais

adminON
Lectura mínima de 2

    • A delegada territorial da Xunta de Galicia, Ana Ortiz, entregou este martes ferramentas destinadas a defensa dos montes e xardíns de Mos

A delegada territorial da Xunta de Galicia, Ana Ortiz, participou hoxe martes na entrega de diverso equipamento ao Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso, en Mos, destinado á prevención e defensa contra incendios forestais. No acto, no que estivo acompañada pola alcaldesa, Nidia Arévalo, o tenente de alcaldesa, Camilo Grandal, e a directora-xerente de Seaga, Luisa Piñeiro, a representante autonómica destacou a aportación do Goberno galego para actuacións nos montes e xardíns do municipio mosense.

Segundo indicou, trátase de diferente material, como desbrozadoras, motoserras e equipamento de seguridade, que poderán ser utilizadas polo persoal do centro dotacional grazas ao convenio de colaboración entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Servizo Agrario Galego (Seaga).

Pola súa banda Arévalo, rexedora local mosense, agradeceu o apoio autonómico á prevención e loita contra os lumes forestais nas parroquias de Mos, neste caso a de Torroso. E puxo en valor, neste senso, o labor desenvolvido pola Comunidade de Montes de Torroso e o Círculo Recreativo e Cultural de Torroso.

Concretamente o material entregado esta mañá consta de 3 desbrozadoras, 2 motoserras, 7 cascos forestais; guantes, cadeas e botas; así como limas, zahóns anticorte, discos, cabezais e nylon trenzado.

O investimento total realizado no devandito material ascende a preto de 7.000 euros e para facer efectiva esta entrega asinouse un convenio de colaboración aos efectos co Círculo Recreativo e Cultural de Torroso en materia de prevención e loita contra incendios.

Comparte este artigo