A Xunta esixe ao Goberno Central e a Aena maior implicación para potenciar os medianos e pequenos aeroportos como os galegos

adminON
Lectura mínima de 3
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, advertiu de que o anuncio da aeroliña Ryanair de reducir frecuencias e destinos en toda España, incluíndo Galicia, é un exemplo da actitude de inacción do Executivo estatal
  • Destacou que Aena como empresa pública con competencia en materia aeroportuaria “debe primar o interese público e contribuír ao equilibrio territorial” en lugar de centrar o seu obxectivo en “só incrementar os seus beneficios”

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, esixiu hoxe ao Goberno central e a Aena un cambio nas súas políticas para que se implique na potenciación dos medianos e pequenos aeroportos como o é o caso dos galegos e que así Galicia non siga perdendo voos e bases de aeroliñas. Fixo estas declaracións tras coñecerse xustamente que Ryanair, compañía aérea que máis tráfico move en España, no marco do anuncio de eliminación de rutas en España, vai pechar a súa base aérea en Santiago de Compostela e cancelar os voos a Vigo.

Diego Calvo lembrou que os aeroportos de interese xeral son competencia exclusiva do Goberno central, o cal exerce a súa xestión a través de Aena. Esta última non é unha empresa calquera, senón unha sociedade mercantil participada maioritariamente polo Estado e, polo tanto, asimilable a un ente público. O conselleiro incidiu, por tanto, en que na súa xestión debe “primar o interese público” e ten que comprometerse con “potenciar os pequenos e medianos aeroportos para contribuír ao equilibrio territorial en España”, en lugar de centrar o seu obxectivo principal en “incrementar aínda máis os seus beneficios”.

Así, denunciou o trato que o Goberno central e Aena veñen dispensando ás infraestruturas aeroportuarias de menor tamaño, das cales recordou que teñen a competencia exclusiva, e a responsabilidade de potencialas, ao igual  que o fan outras institucións públicas (como as Autoridades portuarias), polo que a entidade non pode pretender -sinalou- “derivar as competencias que lle corresponden á Xunta ou aos concellos que son sede de aeroportos”.

Ademais, fronte a esta actitude de inmobilidade e inacción do Goberno central, lembrou que a Xunta realiza un importante investimento -13 millóns este ano- para levar a cabo unha promoción turística en orixe coa finalidade de dar visibilidade Galicia e atraer visitantes á comunidade, sendo opción persoal o medio de transporte que cada persoa escolla para viaxar, puntualizando que o aeroportuario é “competencia exclusiva do Estado”.

Comparte este artigo