— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE interveu no debate sobre o ditame ‘Unha Europa máis sinxela e rápida’ na comisión Civex
— Jesús Gamallo destacou os instrumentos postos en marcha polo Goberno galego para axilizar os trámites administrativos e facilitar a atracción de investimento, como a Oficina Económica de Galicia
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na terceira sesión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (Civex) do oitavo mandato do Comité Europeo das Rexións (CdR). Na súa intervención no debate sobre o ditame Unha Europa máis sinxela e rápida, expuxo algunhas das medidas aplicadas pola Xunta en liña co obxectivo comunitario de aumentar a competitividade da UE.
O director xeral lembrou que este ditame nace da comunicación presentada pola Comisión para simplificar as normas da UE e mellorar así competitividade de Europa, facilitando a creación de empresas e protexendo as persoas. Nese sentido, destacou que a Xunta leva anos traballando nesa dirección, e puxo como exemplo a Oficina Económica de Galicia creada polo Goberno galego a modo de xanela única para reducir burocracia e facilitar a implantación de iniciativas empresariais na nosa comunidade.
O director xeral destacou tamén a próxima asunción plena das competencias de ordenación e xestión do litoral por parte de Galicia, o que permitirá á Xunta aplicar as súas políticas en favor da competitividade e protección do medio ambiente nos máis de 2.500 quilómetros de costa galega nos que se asentan, entre outras, máis de 100 empresas da cadea mar-industria e outros establecementos de interese cultural, patrimonial e de prestación de servizos para o conxunto da cidadanía.
Jesús Gamallo foi felicitado, ademais, polo seu nomeamento como representante do seu grupo político no diálogo Norte-Sur do Consello de Europa. Os representantes das rexións e cidades na CIVEX tamén mantiveron un intercambio de puntos de vista coa Comisión Europea sobre o Escudo Europeo da Democracia no que o executivo comunitario está traballando. Tamén se abordou o ditame Reforzar a dimensión territorial das relacións entre a UE e Suíza, que defende a necesidade de fortalecer as liñas de colaboración e cooperación con este país ante o contexto xeopolítico actual.
Galicia nas comisións CIVEX e ECON do CdR
Neste mandato do Comité Europeo das Rexións (2025-2030), Galicia participa na comisión de Política Económica (ECON) e na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (Civex). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos para o reforzo da democracia.