- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria en virtude da que se poden solicitar axudas de ata 9.000 € para medidas de flexibilidade horaria ou fomento do teletraballo e de ata 20.000 € para garantir o traballo en remoto
- Con este programa de apoios, que inclúe tamén axudas para a implantación de plans de igualdade nas empresas e de medidas de Responsabilidade Social Empresarial (RSE), o Executivo autonómico espera beneficiar arredor de 200 firmas
- Ademais, en liña coa próxima Estratexia Galega de Responsabilidade Social Empresarial, incorpórase por primeira vez a subvención para a obtención da certificación en Benestar Laboral, xunto con outros estándares xa contemplados
- O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde mañá, polo que se prolongará deica o próximo 18 de marzo
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de 2026 da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dirixida a pemes, persoas traballadoras autónomas con persoal contratado e entidades sen ánimo de lucro —como novidade deste ano—, para fomentar medidas de igualdade laboral, conciliación e Responsabilidade Social Empresarial (RSE). A convocatoria conta cun orzamento de 1,4 M€, reforzando o compromiso do Goberno galego con contornas de traballo máis igualitarias e de calidade. Ademais, en liña coa futura Estratexia Galega de Responsabilidade Social Empresarial —que porá o foco no benestar laboral e nas novas realidades do mercado— as axudas incorporan por primeira vez a subvención para a obtención da certificación en Benestar Laboral.
Con esta convocatoria agárdase beneficiar arredor de 200 firmas a través de tres liñas de apoio: unha primeira destinada a fomentar a elaboración e posta en marcha de plans de igualdade, dotada con 200.000 euros; unha segunda, cun orzamento de 1,1 millóns de euros, para a implantación de medidas de conciliación, teletraballo e flexibilidade horaria; e unha terceira liña, dotada con 100.000 euros, orientada a facilitar a obtención de certificacións en materia de RSE que recoñezan as boas prácticas empresariais.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde mañá, polo que se prolongará deica o próximo 18 de marzo.
Liñas de apoio
Para a elaboración de plans de igualdade, a Xunta de Galicia prevé apoios que poden chegar ata os 20.000 euros e que se destinarán, de ser o caso, á contratación de persoal experto en igualdade, á realización dunha diagnose previa á elaboración dun plan de igualdade, a cubrir gastos da propia elaboración do plan e á implantación das medidas contidas nel.
Por outra parte, o Goberno galego apoia a conciliación da vida laboral, familiar e persoal con incentivos para o fomento do teletraballo (2.000 euros por persoa traballadora, cun máximo de 8.000 euros por empresa) e a flexibilidade horaria (8.000 euros por firma). Estes apoios incrementaranse en 1.000 euros para profesionais, empresas ou entidades nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina. Inclúense neste segundo paquete de achegas as destinadas á adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia, coas que se financiará ata o 80 % do investimento con tope de 1.500 euros por persoa empregada beneficiaria e co límite máximo por empresa situado nos 20.000 euros. Ao igual que no caso anterior, a axuda aumentará nun 10 % naquelas empresas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.
En terceiro lugar, este programa apoia as empresas, traballo autónomo e entidades sen ánimo de lucro na obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial financiando o 80 % dos custos do proceso de certificación e/ou verificación ata un máximo de 2.000 euros por entidade.
Compromiso da Xunta
Estas axudas complétanse con outras iniciativas impulsadas pola Xunta para promover a igualdade laboral e a RSE, como o Campus en liña de igualdade laboral — unha plataforma de formación gratuíta dirixida á sensibilización e capacitación en igualdade efectiva no ámbito do traballo— ou o programa Que non te líen, ti elixes —impulsado polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a prol da libre elección de profesión sen estereotipos de xénero—.
Tamén salienta a iniciativa pioneira Responsabilízate, que reforzará na súa próxima edición a aposta polo benestar laboral e do que xa se beneficiaron máis de 700 entidades.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260218/AnuncioG0767-301225-0010_gl.html



