– O Goberno galego mantén a súa colaboración cunha cita de referencia para o sector coa que colabora estreitamente desde os inicios e á que este ano achega 90.000€
– A programación recolle tres días de actividade ao redor da música, as artes escénicas, o audiovisual e o libro, con propostas para públicos de distintas idades
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil,participou hoxe na presentación da19ª edición de Culturgal, que reunirá do 27 ao 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra a empresas, profesionais e público xeral ao redor da cultura galega nunha feira que conta cunha achega de 90.000€ por parte da Xunta de Galicia.
Así, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén o importe de 2025 para esta cita e continúa a ser a principal entidade colaboradora deste encontro, ao que apoio desde os inicios. Nesta liña, consolídase o compromiso cunha feira que ofrece ás empresas e profesionais un espazo para presentar o seu traballo, establecer contactos e achegar as súas propostas á cidadanía.
Dirixida por Camilo Franco por cuarto ano consecutivo, Culturgal combinará música e artes escénicas, presentacións de proxectos, proxeccións audiovisuais, encontros profesionais e obradoiros. Incluirá propostas para o público familiar e infantil e unha zona de exposición e venda de produtos e servizos culturais.
A actividade estenderase tamén a Ribeira grazas a Culturgal Expandido, unha iniciativa creada en 2023 para achegar a programación a outros puntos de Galicia nas semanas previas á feira de Pontevedra.

