A Xunta incorpora a partir do luns novas paradas en Santiego de Compostela nos servizos de autobús da ruta Vigo-A Coruña

adminON
Lectura mínima de 2

― As persoas usuarias disporán de paradas en San Caetano e San Lázaro, de luns a venres, en dous servizos con saídas ás 15,35 e 17,35 horas de Vigo E.I e chegadas á Coruña E.A ás 18,00 e 20,00 horas respectivamente

― A inclusión dos dous puntos de paso non afectará a duración da viaxe, que se manterá en dúas horas e 25 minutos

A Xunta incorpora dende o vindeiro luns, 11 de novembro, as paradas San Caetano e San Lázaro nos servizos de autobús da ruta Vigo-A Coruña na xornada de tarde.

Para incorporar os puntos de paso crearase a liña A Coruña-Santiago (por San Lázaro)-Pontevedra-Vigo E.I pola AP-9, baseada na configuración da liña A Coruña (por Alfonso Molina)-Santiago-Pontevedra-Vigo E.I por AP-9.

Esta ruta incrementará o número de paradas de cinco a sete e non repercutirá na duración da viaxe prevista, que se manterá en dúas horas e 25 minutos. Así, o itinerario se comporá dos seguintes puntos de paso: Coruña E.A, Alfonso Molina, San Lázaro e San Caetano, Santiago de Compostela E.I, Pontevedra E.A e Vigo E.I.

A nova liña estará operativa en sentido de volta con dous servizos funcionais na franxa de tarde de luns a venres durante todo o ano, agás a tempada de Nadal –do 22 de decembro ao 6 de xaneiro–. Estes contarán con saídas ás 15,35 e 17,35 horas de Vigo E.I e chegadas á Coruña E.A ás 18,00 e 20,00 horas respectivamente.

Esta decisión, ademais de optimizar a conexión entre Santiago de Compostela e A Coruña, contribuirá a facilitar os desprazamentos dos traballadores recorrentes nesta franxa horaria.

Con esta actuación, a Xunta reafirma o seu compromiso coa mellora da rede de transporte público regular de persoas viaxeiras por estrada na comunidade.

A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Comparte este artigo