A Xunta inicia en Viveiro os traballos para reducir o risco de inundación no núcleo da Tafona e mellorar a contorna do río Fontecova

Redacción
Lectura mínima de 4
  • Ángeles Vázquez destaca que esta actuación suporá un antes e un despois na protección das persoas e dos inmobles ante posibles asolagamentos cun investimento de preto de 1 millóns de euros, do que a Xunta aporta o 60%
  • A través destas obras encauzarase o río mediante a execución de muros de escollera, rebaixarase o azude e ampliaranse os dous pontóns existentes
  • Tamén se acometerán melloras ambientais, como a colocación de pedras no leito para acadar sinuosidade, osixenación e zonas de descanso para os peixes; e acondicionarase a contorna do río coa creación dunha zona verde
  • Estes traballos forman parte dun paquete de medidas para previr o risco de asolagamentos en 47 Arpsis consideradas en situación máis grave e na actualidade xa hai proxectos redactados ou previstos que contemplan actuacións por importe de 25 millóns de euros para realizar melloras en sete destas áreas

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a zona na que a Xunta de Galicia vai acometer traballos para reducir o risco de asolagamento no núcleo da Tafona e para mellorar a contorna do río Fontecova, no Concello de Viveiro.

Segundo dixo a conselleira, esta actuación suporá ”un antes e un despois” na protección das persoas e dos inmobles ante posibles avenidas cun investimento de preto de 1 millóns de euros, do que a Xunta, a través de Augas de Galicia, aporta o 60%, achegando o 40% restante o Concello de Viveiro e a Deputación Provincial de Lugo. Esta obra conta con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia- NextGenerationUE.

En concreto, os traballos, que se desenvolverán na Área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) río Fontecova, mellorarán a capacidade hidráulica nun tramo de 280 metros de lonxitude. Así, a través destas obras, que se realizarán en catro treitos da Arpsi, encauzarase o río mediante a execución de muros de escollera, rebaixarase o azude e ampliaranse os dous pontóns existentes.

A maiores, Ángeles Vázquez puxo en valor que, ao abeiro destas tarefas, tamén se prevé acometer melloras ambientais como a colocación de pedras no leito para acadar sinuosidade, osixenación e zonas de descanso para os peixes; e a naturalización do fondo do río co material de arrastre previamente retirado. Ademais, mellorarase a contorna do río coa creación dunha zona verde, a instalación dun peitoril e a reposición de firmes mediante lousa e lastro para darlle un carácter máis peonil aos viarios.

Durante a súa visita á zona, na que estivo acompañada da alcaldesa de Viveiro, María Gueimunde, e do director de Augas de Galicia, Roi Fernández, a conselleira subliñou que esta actuación é unha das previstas pola Xunta para mellorar a resiliencia hídrica fronte ao cambio climático, aspecto para o que os orzamentos de Augas de Galicia reservan para este ano 13,4 millóns de euros, un 3,8% máis que en 2025.

Ademais, os traballos no río Fontecova forman parte dun paquete de medidas para previr o risco de asolagamentos en 47 Arpsis consideradas en situación máis grave. Estas áreas foron analizadas para determinar as actuacións necesarias e a súa prioridade. De feito, na actualidade xa hai proxectos redactados ou previstos que contemplan actuacións por importe de 25 millóns de euros para realizar melloras en sete arpsis localizadas en Valga, Padrón, Sada, Gondomar, Neda, Ponteceso e Pontevedra.

Comparte este artigo