HomeXunta de GaliciaA Xunta investirá 320M€ no impulso do comercio local contemplando medidas pioneiras...

A Xunta investirá 320M€ no impulso do comercio local contemplando medidas pioneiras de revitalización como ‘vilas vivas’, ‘prato de mercado’ e ’Localízate’

- Anuncio -spot_img
  • Esta ambiciosa folla de ruta recolle máis de 70 actuacións para potenciar e incrementar a competitividade, a visibilidade e a gobernanza deste sector fundamental para a economía da Comunidade, que xera 107.000 empregos
  • O conselleiro salientou que a aprobación e posta en marcha deste Plan é un paso decisivo para construír unha Galicia con máis oportunidades para o comercio, motor de cohesión social, de identidade e de dinamización do territorio
  • Puxo en valor que a colaboración público-privada é clave para afrontar os retos presentes e futuros e agradeceu a todos os axentes do sector, representados tamén na xornada de hoxe, a súa participación activa no proceso de elaboración da estratexia
  • Destacou outras actuacións singulares, como a creación dunha gran marca do comercio galego ou o impulso de accións dirixidas á mocidade, como as bolsas de aprendices complementarias ao programa ‘Aprender da tradición’
  • Co obxectivo de fomentar a remuda e promover novas iniciativas se sustenten en plans de negocio ben cimentados, sinalou a importancia de tecer sinerxías con outras medidas en marcha como a Rede de polos de emprendemento

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, clausurou esta mañá a xornada de presentación do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, a folla de ruta impulsada polo Goberno galego que recolle 74 accións específicas que mobilizarán máis de 320 millóns de euros nos vindeiros anos. O obxectivo desta planificación é potenciar e incrementar a competitividade, a visibilidade e a gobernanza deste sector fundamental para a economía da Comunidade, que xera 107.000 empregos.

Durante a súa intervención, o conselleiro salientou que a aprobación e posta en marcha deste Plan —un dos compromisos electorais de campaña— é un paso decisivo para construír unha Galicia con máis oportunidades para o comercio, do que destacou o seu papel como motor de cohesión social, de identidade e de dinamización do territorio. Neste senso, puxo en valor que a colaboración público-privada é clave para afrontar os retos do sector, dotándoo das ferramentas que precisa para blindar o seu futuro. A este respecto, agradeceu especialmente a todo o sector e axentes implicados a súa participación na xornada celebrada hoxe —con representantes da Federación Galega de Comercio e as súas homónimas provinciais, centros comerciais abertos, recintos feirais, asociacións de empresarios, autónomos ou Fegamp, entre outros— seguindo o mesmo espírito colaborativo, apuntou, que fixo posible a elaboración conxunta do Plan, artellado da man dos seus protagonistas e nos que todos están reflectidos con accións á medida das súas necesidades e retos, identificados no proceso de diagnose.

Principais novidades

Ademais do deseño dunha gran marca do comercio galego, José González puxo en valor outras medidas pioneiras incluídas no Plan, entre as que destacou o proxecto de recuperación de contornas comerciais urbanas senlleiras Vilas Vivas, tras o éxito da experiencia piloto celebrada o pasado mes de decembro en Ribadavia. Indicou que esta iniciativa se enfocará en vilas que conten cun casco histórico ou singular cunha alta concentración de comercios pechados, con potencial turístico e cunha produción local senlleira como motor económico. O obxectivo será a revitalización comercial a través do aluguer de baixos en desuso, a súa restauración e posta a disposición dos comerciantes e artesáns en formato efémero.

Tamén destacou a futura acción Prato de mercado, que promoverá sinerxías entre as prazos de abastos galegas e os restaurantes da súa contorna para poñer en valor ante a cidadanía da importancia do produto fresco de proximidade. Ademais, explicou que a conexión coa mocidade tamén figura como unha das grandes pancas do Plan, con accións como Localízate, dirixida a que a rapazada de entre 12 e 18 anos xere vencellos de valor co comercio, ou as bolsas de aprendices complementarias ao programa xa en marcha Aprender da Tradición, impulsado a través da Fundación Artesanía de Galicia para preservar os oficios tradicionais.

Emprendemento ligado ao territorio

Por último, José González apuntou o papel fundamental que xoga o comercio no marco da aposta integral da Xunta a prol do emprendemento ligado ao territorio, isto é, un emprendemento vencellado directamente aos recursos e necesidades da súa contorna, clave na dinamización territorial e garante da fixación da poboación. Neste contexto, e co obxectivo de fomentar a remuda e promover novas iniciativas se sustenten en plans de negocio ben cimentados, sinalou a importancia de tecer sinerxías con outras medidas en marcha como a Rede de polos de emprendemento, a través da cal se continuará avanzando na atención aínda máis individualizada en emprendemento comercial.

Publicacións Relacionadas