HomeXunta de GaliciaA Xunta lanza a nova edición do programa Alento co que se...

A Xunta lanza a nova edición do programa Alento co que se ofrece de balde a proxectos emprendedores servizos en materia de márketing e comunicación

- Anuncio -spot_img
  • Esta  iniciativa está impulsada polo Goberno galego e o Clúster da Comunicación e conta cun orzamento de 120.000 euros co que se pretende chegar a arredor de 30 proxectos a través de 38 empresas expertas
  • Na selección dos proxectos, primaranse aqueles vinculados ao comercio de proximidade e os situados en concellos de menos de 25.000 habitantes
  • O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o vindeiro 12 de maio

A Xunta lanza a nova edición do programa Alento.Impulso a comunicación para emprender, en colaboración co Clúster de Comunicación de Galicia, co que se ofrece de balde unha axuda en forma de servizos para que, arredor de 30 proxectos de emprendemento, poidan acceder a distintas solucións en márketing e comunicación, executadas por expertos vinculados ao Clúster da Comunicación de Galicia.

Esta nova edición comprende un catálogo de 10 servizos para capacitar á comunidade emprendedora ante os novos retos do mercado, dotándoa dun valor engadido que permita acelerar os seus procesos de mellora e incorporar novos coñecementos ás súas estruturas de xestión. Entre os servizos ofertados atópanse o deseño de imaxe corporativa e deseño e desenvolvemento de web e ecommerce, definición da estratexia e accións de márketing dixital, desenvolvemento de gráficas publicitarias, investigación de mercados, accións relacionadas coa estratexia de comunicación para pemes, de vídeo marketing e tamén produtos de impresión publicitaria.

Cun orzamento de 120.000 euros, búscase beneficiar arredor de 30 proxectos —seleccionados de xeito preferente entre os atendidos na Rede de polos— para acompañalos nos procesos de xestión de saída ao mercado, conexión co seu público obxectivo e na creación de marcas que aporten valor aos seus clientes, a través de 38 empresas expertas neste eido, o que supón un incremento do 30% en relación á pasada convocatoria. Na edición deste ano, e como novidade, primaranse aqueles proxectos vinculados ao comercio local —especialmente ao pequeno comercio de proximidade— e aqueles que se sitúen en concellos de menos de 25.000 habitantes, contribuíndo así ao reequilibrio territorial e á dinamización do medio rural e da contorna semiurbana.

Servizos de apoio á comunidade emprendedora

O prazo para a inscrición de proxectos está aberto ata o vindeiro 12 de maio e os interesados poderán presentar a súa iniciativa emprendedora a través da web do Programa Alento ,valorándose posteriormente distintos aspectos como a viabilidade, a transferencia de coñecemento, a xeración de innovación, o impacto económico ou cuestións relativas ás persoas emprendedoras das iniciativas como a súa formación, experiencia profesional ou coñecementos técnicos do proxecto.

A finalidade é que estas tarefas sirvan de apoio á comunidade emprendedora en aspectos como a busca de novas canles de comercialización, novos públicos obxectivos, melloras no valor percibido dos produtos e servizos e promoción en xeral, co fin de conseguir unha oferta diferenciada e rendible.

Publicacións Relacionadas