- asociacións, cooperativas ou federacións, promoven tanto actuacións de mellora dos Mercados Excelentes como accións dirixidas a acadar o selo —aumentando ata unha axuda máxima de 320.000€—
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración orientada a dinamizar e potenciar as prazas de abastos de Galicia e impulsar a súa certificación como Mercados Excelentes. A ela o Goberno galego destina 3,3M€ e enmárcase na súa aposta pola revitalización destes espazos comerciais, claves na vertebración do territorio e na xeración de riqueza e emprego.
Atendendo á folla de ruta prevista no futuro Plan estratéxico de comercio, que aspira chegar aos 25 mercados excelentes en 2030, a nova convocatoria aposta pola simplificación administrativa e practicamente triplica o orzamento da anterior para poder dar resposta á previsión do incremento de solicitudes para a realización de obras de mellora—tras aumentar en 2024 os apoios solicitados para a elaboración das diagnoses previas—. Ademais, como novidade, os concellos contarán cun período de gasto bianual entre 2025 e 2026 para garantir que conten con maiores tempo de execución para as actuacións solicitadas.
As achegas —que poden pedir concellos, asociacións, cooperativas ou federacións de prazas de abastos e mercados— promoven, por un lado, accións dirixidas ao mantemento e mellora dos Mercados Excelentes xa existentes na comunidade e, polo outro, accións de diagnose, formación ou obras de rehabilitación para aqueles que desexen solicitar este selo, ademais de apoios á dinamización e fidelización. O obxectivo é fortalecer e consolidar unha rede ao abeiro do selo de Mercados Excelentes, un distintivo que impulsa a Xunta para recoñecer aquelas prazas de abastos que están a responder de xeito diferencial e destacado aos retos da modernización e a innovación sen perder a súa autenticidade e tradición. Precisamente no marco do Plan Estratéxico de Comercio —que estará rematado este trimestre— a Xunta está a redefinir os estándares desta certificación en coordinación con todo o sector para atender ás potencialidades destes espazos.
Detalles da convocatoria
Seguindo a mesma filosofía das novas ordes de apoios para o tecido autónomo e o comercial, o indicativo aposta pola simplificación das liñas de actuación para promover unha maior axilidade administrativa, contemplando unha intensidade das axudas do 80 %. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o 12 de marzo e prolongarase ata o 14 de abril.
Nos concellos, haberá achegas para os que xa conten co selo e para os que o queiran implantar. En concreto, para potenciar a Rede de mercados excelentes, os municipios que xa conten con esa figura poderán recibir axudas enfocadas ao mantemento e mellora deste estándar, como obras de acondicionamento, mellora de servizos para a clientela, actuacións formativas ou comerciais. A axuda máxima é de 112.000€. Mentres, aqueles cuxas prazas de abastos non sexan aínda Mercado Excelente poderán sufragar accións previas para acadar o selo, como a preparación —ou actualización, se é o caso— da diagnose da situación e usos do mercado, actuacións de mentoring e de formación dos praceiros e praceiras ou elaboración da documentación técnica. Aqueles que xa teñan completada a diagnose, poden acollerse ao resto de apoios, como obras de rehabilitación, melloras de accesibilidade, rotulación, adquisición de equipamento comercial ou instalación de sistemas de eficiencia enerxética. Neste caso, a contía máxima da axuda increméntanse ata os 320.000€.
As asociacións de prazas de abastos e mercados, así como as cooperativas de vendedores —que se introducen como potenciais beneficiarias este ano— poden solicitar axudas para o mantemento dos seus marketplaces, material promocional ou servizos de fidelización de clientela, entre outras, ata un máximo de axuda de 11.200€. Por último, as Federacións de Prazas de Abastos poden optar a apoios para a realización de campañas comerciais ou eventos, ata un máximo de 40.000€.
Ligazón á orde no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250228/AnuncioG0767-180225-0001_gl.html